O CEIP Bergantiños espalla a súa loita por unha atención digna ás Necesidades Educativas Específicas
- Este venres, 12, a comunidade escolar vestirase de loito nunha nova concentración matutina para "chorar pola educación pública de calidade que no noso centro está a agonizar pola falta de recursos”

Non paran as mobilizacións das familias e a comunidade educativa do CEIP Bergantiños de Carballo. Nais e pais protestan dende o 28 de novembro diante do centro esixindo á Xunta máis recursos para unha atención digna ás crianzas con Necesidades Educativas Específicas. Pero “a inacción” da Xunta segue vixente.
Esta mañá de xoves 12 de decembro, uniuse á concentración diaria, o secretario xeral do PSdG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado pola deputada carballesa, Patricia Iglesias, así como varios cargos deste partido na comarca. Tamén estiveron membros do BNG, que levan apoiando á ANPA A Granxa dende o comezo.
As familias trasladáronlle aos responsables do PSOE de primeira man a situación de falta de profesorado e especialistas que vive un colexio cunha porcentaxe moi elevada de alumnado con necesidade de apoio educativo, un centro no que 35% do seu alumnado require apoio educativo específico, unha porcentaxe que podería elevarse ata o 43,5% de confirmarse os diagnósticos pendentes.
Desde a ANPA do CEIP Bergantiños esíxese a incorporación dun segundo orientador/a para atender á alta carga de valoracións pendentes, un aumento do profesorado para compensar a redución de 100 horas lectivas sufrida este curso e a creación dun Grupo de Adquisición de Linguas fundamental para atender ao aumento de estudantes con dificultades idiomáticas. Ademais, solicitan a inclusión do centro no programa PROA+, indispensable para o reforzo educativo e rexeitado inxustificadamente pola Xunta. “A carga de traballo é tan grande que o orientador e os profesores non poden traballar en condicións, nin garantir que os rapaces sexan atendidos como necesitan”.
En declaracións aos medios, José Ramón Gómez Besteiro insistiu en que “non podemos permitir que ningún neno ou nena quede atrás por falta de medios”. Criticou os recortes sistemáticos no sector público por parte da Xunta, advertindo que “os orzamentos de 2025 empeorarán esta situación cunha alarmante redución de recursos mentres as necesidades aumentan”.

Silencio da Xunta
Dende a ANPA non desisten de chamar ás portas da Xunta, seguindo o efecto Pindo, que necesitaron 2 meses de mobilizacións para conseguir unha Coidadora para Nico. “Lamentamos que a Xunta e a Consellería de Educación, pola contra, non tivesen a ben nin contestar ós escritos que rexistramos para a Inspección Educativa e para o propio Conselleiro, Román Rodríguez, nin tampouco respondesen a nosa petición de, cando menos, sentar a falar e escoitarnos, como si fixeron os grupos da oposición”.
Venres de loito no CEIP Bergantiños
A comunidade educativa continúa coas protestas e continuará mentres non haxa solución. De feito, este venres 13, o CEIP Bergantiños estará de loito para chorar pola educación pública de calidade que no noso centro está a agonizar pola falta de recursos”. As familias e os nenos e nenas vestirán de negro na concentración a partir das 9.20 horas. Desde a ANPA fan un chamamento ó profesorado para que tamén se una a esta iniciativa e acuda con roupa negra. E, tamén, a todos os veciños da vila para que vistan de negro e se unan á loita por unha educación de calidade, coas mesmas oportunidades para todas as crianzas e que non deixe a ningún neno ou nena atrás por falta de apoio.