As necesidades do CEIP Bergantiños chegan ao pleno do Concello e do Parlamento
Mentres as familias seguen concentrándose cada día ás portas do centro, a falta de profesorado para nenos/as con necesidades especiais no CEIP Bergantiños, chega ao Parlamento e tamén ao pleno do Concello.
A ANPA A Granxa do CEIP Bergantiños rexistrará o próximo luns unha moción para debatir e, se fose o caso, aprobar no seguinte pleno do Concello de Carballo, que se celebrará o día 19 de decembro. Tamén, dacordo co regulamento municipal, solicitará intervir no pleno para trasladar á Corporación as súas reivindicacións en primeira persoa.
En concreto, na moción proponse ao pleno que acorde solicitar á Consellería de Educación un segundo orientador, máis docentes que podan prestar apoio aos alumnos que o precisen, a inclusión no programa PROA+ e a incorporación ao centro dun grupo de adquisición de linguas dotados de profesorado. Solicitar, en definitiva, que a Xunta dote dos recursos necesarios ao CEIP Bergantiños para desenvolver o Plan Xeral de Atención á Diversidade e que dar resposta educativa ás necesidades da totalidade do seu alumnado, nun centro con que conta con entre un 35 e un 43% de alumnos e alumnas identificados con necesidades especiais ou específicas de apoio.
Tamén o luns, está previsto que unha representación da ANPA se reúna co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, para trasladarlle a situación que se está a vivir no colexio. Ao longo da semana próxima, os representantes das familias esperan poder pechar tamén xuntanzas cos grupos municipais do PSdG-PSOE e do PP.
O BNG leva o asunto ao Parlamento
O deputado carballés do BNG, Daniel Pérez, vai levar unha serie de preguntas á cámara para saber as intencións do goberno galego para co centro carballés.
O BNG preguntará se o goberno considera que o centro conta cun equipo docente especializado suficiente para atender ao alumnado con NEE e NEAE; se cre que o alumnado ten garantida atención e o ensino que precisan e ao que teñen dereito; e se cre que é necesario o reforzo de profesorado de apoio neste centro atendendo ás necesidades do alumnado. Vai máis aló e pregunta se a Xunta cre que o centro ten o número adecuado de orientadoras,
Lembran que o CEIP conta con 575 alumnos e alumnas, das que 20 están recoñecidas como alumnado con Necesidades Educativas Especiais (NEE), ao tempo que 180 teñen certificación como alumando con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE). Constitúen, polo tanto, un 35% do total. Habendo ademais outros 50 alumns pendentes de valoración por parte da única orientadora do centro, que certo elevarán a porcentaxe de alumnado con necesidade de apoio certificado.
Lembran tamén que neste centro un nutrido grupo de alumnado sen competencia en lingua galega ou castelán, que fai tamén necesario dotar a este centro dun Grupo de Adquisición de Linguas, dotado de profesorado.