venres. 17.01.2025
El tiempo

O Efecto Pindo: As familias do CEIP O Pindo conseguen unha Coidadora

As crianzas do Pindo pola agra
Un pequeno grupo de alumnos/as do centro, en actividade extraescolar, camiñando polos arredores do centro educativo, pola punta do Rabecho (nO Pindo) que humaniza e lle devolve o protagonismo aos únicos importantes, os nenos e nenas.
O Efecto Pindo: As familias do CEIP O Pindo conseguen unha Coidadora

Vitoria rotunda da comunidade educativa do CEIP O Pindo, que demostrou este comezo de curso que se a cidadanía se une e loita xunta, pode conseguir moitas cousas. Ben triste é, porén, ter que facer folga de alumnado, convocar concentracións masivas, enviar escritos, manter reunións, ir á Valedora do Pobo, e denunciar constantemente a situación na prensa para conseguir unha mísera coidadora para unha crianza que a tiña asignada. Pero así é a política educativa da Xunta de Galicia do Partido Popular, que antepón o aforo ás necesidades educativas específicas.

Ao CEIP O Pindo chegará un coidador ou coidadora en breve para Nico, un alumno de 4º Infantil, unha dotación de persoal fará que se dé un paso de xigante no seu proceso de inclusión.. Así llo comunicaron esta semana dende Inspección Educativa á ANPA “O Rabecho” e ao centro para alegría de toda a comunidade, despois de ter conseguido xa en semanas anteriores, unha maior dotación de especialistas, concretándose en media praza de Audición e Linguaxe e un aumento simbólico de 1 hora máis de Pedagoxía Terapéutica.
E máis alá de loubarse pola batalla vencida, dende a ANPA queren facer repaso do proceso de aprendizaxe que tivo lugar estes meses de setembro, outubro e novembro, que "cundiron como si fose un ano enteiro".

Cal é o Efecto Pindo?

"Foi un periodo de aprendizaxe profundo para toda a comunidade educativa", explican dende a ANPA Rabecho, As familias sinten o orgullo de ter loitado de forma unida, pero critican que os dereitos non estean garantidos. "Conseguir esta demanda que levamos batallando dende principio de curso ten moito significado simbólico, sérvenos para comprobar que non é doado conseguir o que é xusto, pero que sí é posible..."

"Neste caso foi posible porque A COMUNIDADE EDUCATIVA sempre estivo unida: as famílias, o equipo docente, a dirección e os concellos. Unida para pensar, planificar, apoiarse mútuamente, facer forza conxunta, presionar, empurrar, levantarse e non decaer... E detrás disto houbo moito traballo e bo facer, coordinación e cooperación, todo coa ilusión de devolverlle aos nosos fillos e fillas a dignidade como alumnos e alumnas dun centro que dende a Consellería probablemente abordaron con un plan de desmantelamento progresivo..."

"Neste contexto, a comunidade educativa multiplicouse e contou co apoio da veciñanza, das comunidades educativas de outros centros e doutras asociacións. Queremos agradecer todo o apoio e tamén que eles e elas creran que era posible... Os medios de comunicación, tanto locais, como a nivel galego, tiveron un papel fundamental; queremos visibilizar a sensibilidade e bo facer dos/as periodistas que son libres, que exercen con ética e sen medo, que son a nosa voz, porque sabemos que nola deron, e sin ela non acadariamos a transcedencia suficiente para “incomodar” aos que exercen o poder dende a galeria e a deshumanización."

"Violencia institucional"

As familias lembran o concepto do que falaron estes meses. "Vivimos de preto o que é a violencia institucional, a máquina do poder que intenta ningunear á comunidade educativa, abandoar  ao alumnado (especialmente ao máis vulnerable), que intenta dividir, que intenta calar e desgastar, optando simplemente por un silencio e unha inacción que busca o desgaste. Por ser xustos e xustas, tamén diremos, que as maquinarias do poder teñen fisuras e de tanto en tanto, isto permite que a balanza se incline hacia a xustiza social".

E poñen en valor a "forza colectiva" dun "grupo de pais e nais os/as que nos organizamos ante a situación vivida, un grupo diverso, heteroxéneo pero con un mesmo punto de partida, apostar pola escola do rural, por aquela na que o trato personalizado, a convivencia e o benestar són as pedras angulares que vertebran as condicións para que se dé un aprendizaxe real e para todos/as. Esa aprendizaxe que recollen os curriculums, pero tamén a aprendizaxe para a vida... basada en valores de comunidade".

"Apostamos polo tanto, por un modelo educativo lonxe da inxusticada masificación do rural, poñemos en valor aos grupos interniveis (laboratorio de aprendizaxes trasversais) como os que hai no noso centro; tamén destacamos un modelo con implicación e participación das familias no centro, a fortaleza da dirección e da orientación, así como a solidez do Consello Escolar".

"A comunidade do CEIP O Pindo RESISTE e sae reforzada destes meses intensos. Convidamos a que nos contacten quen queira coñecer o centro e/ou a organización da ANPA do cole. Consideramos que modelos educativos coma os do Pindo, cando contan cos recursos precisos (como acontece actualmente despois de batallar), aproximanse aos modelos da excelencia que tanto envexamos noutros países, onde a transversalidade, os grupos reducidos, o aprendizaxe significativo e a educación emocional, son a base do éxito educativo. Por si hai dúbidas, o alumnado que remata a súa escolarización no CEIP O Pindo acada resultados óptimos coma a gran maioria do alumnado de calquer outro centro, e tamén podemos constatar a boa transición no cambio de etapa a secundaria".

A parte disto, queren animar a outros centros educativos a seguir reivindicando o que é xusto para a súa dotación de persoal e organización de centro, "agardamos que o Efecto Pindo se estenda e que tamén entre pola Conselleria un clamor da Costa da Morte onde se nos respete como cidadáns e cidadanas de dereito."

2Este curso o cole do Pindo fai 50 anos, e celebrarémolo con máis ganas si cabe... Coa lousa enriba dun peche que se rumorea fai décadas, queremos aproveitar para manifestar que é unha inxustificada etiqueta da que nos queremos desfacer, somos nós como sociedade quen podemos apostar polos coles do rural, valorar os modelos coma os do Pindo, e non asumir como propio discursos catastrofistas que nos aproximan a profecías autocomplidas".

Torreón do Pindo - no Rabecho
Torreón do Pindo , un símbolo de pedra que cando estaba pintado de branco servia de orientación aos navegantes e é moi característico da zona do Rabecho (que lle dá nome á Anpa) onde se sitúa o cole do Pindo Para nós simboliza a forza da unión por un ben común.

 

Máis novas

Comentarios