xoves. 19.06.2025
El tiempo

Días de formación laboral, medioambiental e de destape cultural por Carballo

Días de formación laboral, medioambiental e de destape cultural por Carballo

Varias son as actividades en marcha estes días por Carballo. Mentres o Forum segue formando en materia laboral, na Biblioteca Rego da Balsa fai dos pais e nais dos alumnos, auténticos monologuistas. Pero ademais, os peques da volta poden aprenden como funciona unha depuradora.

Formación no FORUM

O Forum Carballo segue formando en materia laboral

Arrincaba onte o curso de mozo de almacén organizado pola Bolsa de Traballo (BDT) dentro do seu Plan de Formación para o primeiro semestre do ano. Dúas mulleres e 23 homes, tod@s eles desempregad@s e usuari@s da BDT, iniciaron as 70 horas de formación teórica que se impartirán nas aulas do Fórum Carballo ata o 17 de marzo, en horario de 9 a 14.

O concelleiro de Formación e Emprego destacou a importancia da formación para mellorar as posibilidades de acceso ao mercado laboral, e sinalou que nesa dirección van as accións organizadas dende a BDT para os seus usuarios e usuarias. Neste caso o curso vai dirixido a persoas de 25 a 50 anos de idade que non teñan máis de tres anos de experiencia como mozos de almacén e con interese en traballar neste oficio.

Para realizar a selección dos e das participantes, segundo os criterios establecidos nas bases publicadas no BOP, dende a Bolsa de Traballo foron enviados un total de 401 sms convocando a os usuarios e usuarias que se inscribiron na BDT como demandantes de emprego como mozos e mozas de almacén. Á preselección acudiron 81 persoas, entre as cales foron seleccionados os 25 alumnos do curso. Os demais figuran nunha lista de agarda por se se producen baixas.

O Plan de Formación da BDT para o primeiro semestre do 2015 tamén inclúe cursos de competencias clave, hostalería, prevención de riscos e comercio.

Vista á EDAR dos cativos

Conecendo a EDAR de Carballo

Interesante a proposta do “Proxecto Anllóns–Bardoso: posta en valor dos ríos”, a través da cal o Concello organiza unha serie de visitas guiadas á ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) e á EDAR (Estación de Depuración de Augas Residuais) do municipio co obxectivo de sensibilizar aos escolares sobre a importancia destes procesos.

O Concello realizará durante as próximas semanas visitas coordinadas cos centros de ensino do municipio ás instalacións que reproducen o ciclo de auga na vila: a estación potabilizadora e a estación depuradora, co obxectivo de incidir sobre o consumo e aforro de auga. As visitas serán desenvolvidas por educadores/as ambientais de ADEGA (Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia), entidade que leva anos traballando o tema da auga co desenvolvemento de diferentes proxectos.

O alumnado asistente poderá ver o funcionamento do ciclo da auga en Carballo, dende que o momento en que a auga se colle no río ata que chega ás nosas casas e finalmente se devolve ao río logo do proceso de depuración. Poñerase o acento na necesidade de usar este valioso recurso con responsabilidade. Tamén se fará fincapé da importancia que ten un xesto tan cotiá como é o de abrir a billa e o custo que supón para todas as persoas que viven no Concello.

Xa estiveron os rapaces de 5º e 6º de Primaria do CEIP A Cristina, e faltan os de CEIP Xesús San Luis Romero, o CEIP Fogar, o CEIP Nétoma-Razo, o CPI Artai e o CEIP Bergantiños.

Pais e nais monologuistas

Pais e nais que contan

Divertida esta proposta da Biblioteca Rego da Balsa. Este xoves 26 comezan na Biblioteca Rego da Balsa contacontos protagonizados por nais e pais d@s usuari@s máis pequen@s. Nesta primeira sesión do “Nais e pais contan”, que terá lugar ás 18.00 h, participarán Yolanda Pombo e J. Ramón Sanjurjo.

E, a partir do vindeiro mes, calquera persoa pode sumarse para contar un conto popular, ou un dun libro, ou inventando a súa propia historia. Trátase, á fin e ao cabo, de, por un lado, promover que as nais e os pais lles conten contos ás crianzas e, por outro, de desinhibirse para facelo en público, para promover a transmisión interxeracional dos contos, das historias. Polo tanto, se hai algún pai, nai, tía, avó, etc., interesado/a en participar, pode comunicarllo xa ao persoa da Biblioteca para que lle garden o sitio para contar na sesión do próximo mes, que terá lugar o 26 de marzo.

Novas relacionadas

Comentarios