A Deputación e o Concello de Carballo estrean un proxecto piloto para a promoción da PassivHouse
Xa leva moitos meses a empresa Suministros Lar afondando na importancia de volcarnos na PassivHouse. Eses inmobles pasivos, de consumo enerxético case nulo, son o verdadeiro futuro da edificación, fomentando a ecoloxía nun mundo habituado ao máximo rendemento económico e á falta de atención ao impacto ambiental producido.
Nesa liña, a Deputación da Coruña vén de aprobar un proxecto piloto para desenvolver no Concello de Carballo. Un proxecto que nace co obxecto de impulsar a promoción de vivendas ecolóxicas na provincia, e aumentar o parque de apenas 300 edificios certificados passivhaus que hai a día de hoxe en España.
Un equipo liderado pola arquitecta Marta Trigás xa realizou un estudo de viabilidade de vivendas passivhaus no Concello de Carballo. Neste estudo valoráronse aspectos sociais e da xeografía humana, como a densidade de poboación, a existencia de demandantes de vivenda na zona, a existencia de vivenda desocupada, e demais cuestións, que concluíu que o ámbito proposto é unha localización idónea para a posta en marcha dun proxecto piloto de vivenda pasiva, tendo en conta tamén o modelo de desenvolvemento urbano sustentable que está a asumir e que o postulan como un exemplo a seguir por outros concellos da contorna e da provincia, en termos de mobilidade, accesibilidade e inclusión.
Tras esta análise, o Concello de Carballo e a Deputación acordaron formalizar un convenio para a posta en marcha dun proxecto piloto de vivenda ecolóxica en alugueiro social coa finalidade de impulsar actuacións replicables por toda a provincia.
Por agora son 94.967 euros os apostados para executar a primeira metade do proxecto (75% con cargo á Deputación).