Venres. 22.01.2021
El tiempo

As diferentes lecturas dos Orzamentos da Xunta para Carballo

Reunión o pasado 2019 entre a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña
Reunión o pasado 2019 entre a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña
As diferentes lecturas dos Orzamentos da Xunta para Carballo

A semana pasada Feijoo presentaba as cifras dos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2021. A Costa da Morte aparece, como vén sendo habitual, menos do que nos gustaría. Así o vén denunciando o PSOE e o BNG comarcal.

Pero a nivel municipal, os grupos carballeses teñen unha doble visión sobre os mesmos.

As críticas do PP

A polémica xurdía coa petición da voceira do PP Paula Nogueira de máis actuacións para facer fronte á crise económica e social derivada da pandemia, criticando “ao Goberno local por non investir máis remanente e por destinalo a cemento e non a persoas”. “Creemos que é o momento de priorizar todo o que teña que ver coas persoas. Carballo figurará como un dos concellos que mais invirten en obras en Galicia, pero esperemos que non lidere o ranking de peche de negocios e locais comerciais e deixe no camiño a autónomos e pemes que están ao límite”, lanzaba Nogueira.
Puña os exemplos do “edificio social anunciado fai un ano”; propón como “unha boa oportunidade para aliviar o tráfico do polígono executando a saída que o une coa rotonda da avenida de Razo”; e critica os continuos cambios nun “mercado municipal que segue medio baleiro”.

A resposta do BNG

O portavoz do BNG de Carballo, Xosé Regueira, lanzaba pedras contra o tellado do PP. “É o Partido Popular o que ningunea a Carballo nos Orzamentos da Xunta, e que de 11.500.000.000 euros, si, once mil cincocentos millóns de euros, só destina 250.000 ao noso concello. E di que nós investimos moito en cemento e pouco en persoas”, critica Regueira, sinalando que “para o PP non son persoas” a veciñanza dos Baños Vellos, os empregados da hostalería, os [email protected] das instalacións municipais, os autó[email protected] do Mercado… en relación a todas as accións de reactivación que levan realizado nestes meses e que teñen involucrado directamente a estes sectores.

Regueira aproveitou para facer un repaso de accións como “as 18.000 Tarxeta Bono, as 6.000 solicitudes subvencións directas a autó[email protected] e microempresas; as axudas sociais; os traballos para facer realidade o edificio ás entidades sociosanitarias (AFABER, Cruz Vermella, Asociación Contra o Cancro, Fibromialxia...) adaptado, precisamente, á unha nova situación sociosanitaria que ninguén podía prever fai un ano; a adxudicación de servizos municipais a entidades de responsabilidade social como ASPABER; a creación de recursos como o conservatorio, a escola de idiomas, a rede de centros parroquiais, as bibliotecas, o centro e formación e emprego, a escola de cociña, a OPE, o coworking, a intensa programación cultural…”

As cifras do PP

O PP local quere matizar as cifras, e o deputado autonómico, o carballés Rubén Lorenzo denuncia que o BNG está “confundido aos carballeses”, porque considera que son 2 os millóns de euros que a Xunta vai investir en Carballo.

A realidade é que apenas hai dous proxectos exclusivos para a capital bergantiñá: eses 250.000€ para a redacción da demandada Variante de Bértoa; e outros 280.000 de Augas de Galicia para prevención de inundacións do río Anllóns.

Lorenzo apuntou que ademais haberá ”máis de 400.000 euros da Consellería de Política Social para a mellora da residencia da Terceira Idade”.

Sobre o outro millón pendente, Lorenzo sinala que ademais hai “500.000 euros que destinará a Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a adquisición de equipamentos para educación infantil e primaria, o financiamento do banco de libros, do transporte escolar ou o comedor, sen esquecer a partida extra para afrontar os gastos provocados pola pandemia do Covid-19”, sen especificar, en todo caso, canto correspondería exactamente ao concello carballés.
Si que especifica que a Consellería de Medio AMbiente, Territorio e Vivenda empregará 100.000 para “o estudo da 3ª fase do Polígono Industrial”, outra necesidade tremendamente urxente para non seguir deixando escapar proxectos empresariais de envergadura.

Novas relacionadas

comentarios