Martes. 26.01.2021
El tiempo

O BNG critica os miúdos proxectos para a Costa da Morte incluídos nos Orzamentos da Xunta

Xa pasou case un ano dende o anuncio da ampliación do Corredor da Costa da Morte
Xa pasou case un ano dende o anuncio da ampliación do Corredor da Costa da Morte
O BNG critica os miúdos proxectos para a Costa da Morte incluídos nos Orzamentos da Xunta

Xa vén sendo algo habitual ver que os Orzamentos da Xunta apenas inclúen un par de miserias para a nosa comarca, ou ver que se repiten partidas que non se desenvolveron durante o curso pasado. Esta semana o BNG critica que “os Orzamentos esquécense da Costa da Morte e de Bergantiños unha vez máis”.

Foron o deputado do BNG Daniel Pérez, o responsable comarca do BNG da Costa da Morte, Serxio Domínguez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, os que debullaron as escasas partidas do plan da Xunta para a nosa comarca de cara ao 2021. “Acabamos pronto, porque son poucos”, asegurou Pérez, sinalando que “nos sentimos defraudados, porque coa crise económica que se aveciña era o momento de apostar polos investimentos en Carballo e na Costa da Morte”.

Dos 11.500 millóns de orzamento, menos de 10 son para a nosa comarca.

Corredor

O gran e practicamente único investimento previsto para o ano que vén é o treito do corredor Baio-Santa Irene, unha parte dese proxecto que leva esperando case 20 anos para chegar ata Cee. Este ano o investimento previsto é de 6 millóns de euros formulados para chegar ata Vimianzo, aínda coa competencia do enlace co polígono de Vimianzo sen resolver.

Unha miseria para a Variante

Outro dos proxectos que tiñan que convertirse en realidade, pero que nos avisaran do seu retraso, é a Circunvalación de Carballo, xa presente nos orzamentos de 2009 co Bipartito. Pero este 2021 apenas se investirán 250.000 euros para a redacción do proxecto… “Todo o mundo sabe a importancia que ten a circunvalación, tanto social, por eliminar o tráfico pesado de zonas moi sensibles, como polo pulo económico que lle pode dar a Carballo”, engadiu.

A variante tería que ir ligada ademais coa “imprescindible ampliación do polígono industrial de Bértoa, solicitada reiteradamente. Nestes momentos o polígono ten unha ocupación do 84%. “O 16% restante é de parcelas illadas. Xa houbo unha empresa que non puido materializar o seu proxecto por falta de solo, porque por riba de 12.000 metros non llo podemos ofrecer. E iso é o que non se pode permitir”, insistiu o alcalde de Carballo.

Proxectos en espera

Dende o BNG lembran proxectos necesarios que se esquecen:

  • O porto mixto de Corcubión.
  • A seguridade das comportas do porto de Malpica, “que xa provocaron un accidentre mortal, desgraciadamente, e seguen sen solución”.
  • Centro de Saúde de Fisterra.
  • Melloras no Hospital Virxe da Xunqueira.

Arredor da problemática industrial en XEAL, Domínguez sinala: “Se non actúan no que non custa ningún carto _declarou o responsable comarcal do BNG da Costa da Morte_ non temos esperanza ningunha en que invistan no que si custa”.

ENMENDAS

Dende o BNG da Costa da Morte, por medio de Néstor Rego coma deputado do BNG no Congreso dos Deputados, demandan 15,2 millóns de euros coma investimentos específicos necesarios e estratéxicos para os intereses da zona, entre eles:
- O Saneamento integral da ría de Corcubión, para os que resultan necesarios 10 millóns de euros.
- A construción da Base de loita contra a contaminación mariña, cun investimento de 1 millón de euros
- Recuperación das instalacións do heliporto de Ruibo-Cee e do seu servizo de rescate. 
- Unión dos paseos marítimos entre Cee e Corcubión, que permita unir ambas vilas e mellorar as condicións de mobilidade e seguridade no tránsito de peóns, e mellorar ademais as recollidas de vertidos á ría..
- Actuación integral para a promoción cultural internacional do Cabo Fisterra coma referente e dinamizador turístico da Comarca (3 millóns de euros)
 

Novas relacionadas

comentarios