As entidades sociais de Bergantiños piden o X Solidario para a Declaración da Renda

Chega o mes de maio e toca facer a Declaración da Renda. E as entidades sociais mobilízanse ante a importancia de que as familias cubramos o X Solidario, un pequeno detalle que lles permitirá facer moitísimas cousas.
Por iso, Íntegro, APEM, A Xunta Local da Asociación contra o Cancro, a Cruz Vermella de Carballo e a Agrupación Deportiva Un Paso Máis xuntáronse este pasado venres na praza de Carballo para facer a presentación da campaña “XSolidario2022”, un acto simbólico e reivindicativo convocado para apelar á solidariedade das persoas contribuíntes coa intención de que este ano sexan moitas máis as que marquen o recadro 106 de “Actividades de Interese Social” na súa declaración da renda.
Desde Íntegro destacaron que “non se trata dun acto nin dunha campaña máis, senón que é un chamamento de auxilio fronte á grave emerxencia sanitaria e social que estamos a padecer tras a pandemia, a crise económica e social, a inflación, a guerra de Ucraína,...”.
Lembran, que grazas ao X Solidario, en 2021, 141 organizacións galegas lograron levar a cabo máis de 500 proxectos sociais, dos que se beneficiaron máis de 105.000 persoas. E poderíanse ter recadados 13 millóns de euros máis coa colaboración dos 610.363 galegos/as que non elixiron esta opción.
Un pasiño máis na loita do Terceiro Sector Galego contra a pobreza e a exclusión social.
