As entidades sociais que operan en Carballo visibilizaron o seu traballo no Feirón en Rede
Que ben marida o traballo social co produto local. A II edición do Feirón en rede “Carballo solidario” sumou á feira dominical a labor das 14 entidades sociais que operan no Concello: AECC, ALCER, Fundación Érguete Integración, Cruz Vermella, Un Paso Máis, O Legado de Max, Afaber, Cáritas, Aspaber, APEM, Íntegro, Vieiro, Lenda Educativa e Senegaleses Carballo.

Consolídas así un espazo aberto, dinámico e profundamente participativo onde a veciñanza e o tecido asociativo estreitan lazos. Máis aló de ofrecer información sobre os seus respectivos recursos e proxectos, as entidades sociais despregaron un abano de actividades interactivas que propiciaron a concienciación social a través da experiencia directa: música de Senegal, campaña contra o tabaco, taller de chapas... As concellarías de Servizos Sociais e Feiras e Mercados tamén se sumaron á animación da feira cun recuncho infantil e a música da Charanga Benofán.
Ao peche da xornada, a valoración compartida polas entidades participantes foi moi satisfactoria. Malia as altas temperaturas, o grao de implicación cidadá, o volume de consultas recibidas e o clima de fraternidade e colaboración interasociativa demostraron que o modelo do Feirón en rede é unha ferramenta imprescindible. A exposición paralela Que pasaría se non existisen as entidades sociais? serviu de marco conceptual perfecto para recordar que, sen o motor humano destas organizacións, Carballo non sería o municipio inclusivo, xusto e acolledor que demostrou ser hoxe.

