martes. 14.07.2026
El tiempo

A Praza dos Libros bate marcas con máis de 2.260 libros vendidos

xan fraga na Praza dos Libros
Xan Fraga na Praza dos Libros
A Praza dos Libros bate marcas con máis de 2.260 libros vendidos

A Praza dos Libros de Carballo (PLIC) 2026, que celebrou a pasada semana 20 anos de resistencia cultural, demostrou o seu inmellorable estado de saúde e consolidouse como unha das grandes citas culturais e comerciais do calendario galego tras pechar a súa última edición cun balance moi positivo. Segundo a enquisa realizada entre as librarías participantes, a feira acadou un novo récord de vendas, cun total de 2.261 libros vendidos e uns ingresos aproximados de 33.680 euros, superando os rexistros das edicións de 2025 e 2024.

As 8 librarías participantes (Á lus do candil, Brañas Verdes, Trasgo, Teldy, Clarión, Espazo Lector Nobel, Editorial Canela e A.C. Lumeira) coinciden en que os resultados estiveron "moi por riba do agardado" e destacan tanto o volume de vendas como a excelente resposta do público ao longo dos catro días da feira.

A valoración da organización tamén foi moi favorable. As persoas participantes consideran que as datas, a duración da feira e o espazo elixido continúan sendo os máis axeitados. 

Praza dos Libros PLIC Carballo

Entre os aspectos máis destacados da PLIC figuran o ambiente creado durante a feira, a coincidencia co mercado semanal e coa feira dominical, as actividades infantís, a visibilidade que ofrece ás librarías e editoriais, así como a súa contribución á
promoción da lectura e ao achegamento dos libros á cidadanía.

Outro dos datos máis salientables é o incremento do peso do libro en galego. Nesta edición, o 63,6 % dos exemplares vendidos foron en galego, fronte ao 36,4 % en castelán, porcentaxes que tamén melloran as cifras rexistradas na edición anterior. No top dos títulos máis vendidos en galego destacan Crónicas de Carballo, con 75 exemplares; Cadea de favores, con 41, e As malas ideas, Espigas queimadas e Follas
de Carballo
. En castelán, os libros máis demandados foron Murdoku nº 2, Escuela de Monstruos e Cadena de favores.

Ao longo dos catro días da PLIC desenvolvéronse unha trintena de actividades entre presentacións de libros, sinaturas, obradoiros, espectáculos infantís, concertos, contacontos, maxia, radio en directo, xogos populares e outras propostas para todos os públicos. A programación reuniu unha vintena de autoras e autores, ademais de ilustradores, músicos e artistas convidados, que contribúen a consolidar a Praza do Libro de Carballo como un dos principais escaparates da creación literaria galega.

noite_plic_xurxo_borrazas
Rutas por Carballo

Comentarios