"Na espiral do opérculo", o novo libro de poemas de Ramón Sánchez
O poeta carballés Ramón Sánchez lanza novo libro. "Na espiral do opérculo" recolle toda a súa poesía que nunca antes fora publicada (premios en certames, antoloxías colectivas, poesía inédita e os poemas de "Enxeñería efémera").
Na espiral do opérculo é "un repaso a unha década de poesía, un exercicio de resistencia e honestidade cun pouso ecléctico, como cabería agardar dun inventario destas características". Mais que isto non confunda a quen teña a ben achegarse ó libro, xa que "o ramallete de versos está solidamente cinguido co adival da coherencia".
"A familia, a nostalxia, a perda, pero sobre todo o amor (propio e alleo), representado aquí de moi diversas maneiras, é o eixo sobre o que orbita o monllo de poemas que conforman o libro", explícanos o propio autor.
Ademais de poemas que percorreron certames de todo o estado, aparecen outros poemas publicados en antoloxías colectivas, así como tamén os versos de “Enxeñería efémera”, ese conxunto de trece pezas visuais creadas para o seu desfrute na rede, e a inclusión, xa por último, dunha dupla de poemas inéditos.
É polo tanto este libro unha inmellorable ocasión de ter nun só volume toda esa poesía que moitos poetas van deixando ciscada ó longo dos anos e que rara vez consegue ver a luz.
Editada por Medulia Editorial, e que conta para a capa cunha fermosa ilustración orixinal de Manuel González Barro (MANO), que dota a obra dun valor engadido.
A edición inclúe, asemade, unha serie de fotografías realizadas polo propio autor.
Pódese conseguir o libro, así como pórse en contacto con Ramón Sánchez, en @ramonsv75 nas redes sociais.
Máis novas de Ramón