O Forum Carballo encende os fogóns e a serra da formación
Volve a actividade formativa ao Forum Carballo. E faino co inicio do Obradoiro de Carpintaría e a selección de alumnado para cociña marcan a apertura do curso no Fórum Carballo. Serán as primeiras accións formativas en marcha, pero ao longo do curso 2019-2020 haberá máis.
Os alumn@s-traballadores do Obradoiro de Emprego de Carpintería, inscritos neste caso no Sistema de Garantía Xuvenil, recibirán unha serie de formación teórico-práctica durante 6 meses, percibindo un salario durante a súa participación no obradoiro. Ademais, ao remate recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
Neste caso, o proxecto específico que levará a cabo o alumnado consistirá na fabricación e a instalación do mobiliario para o Museo de Bergantiños. Da súa formación encargaranse Estrella Mar Señarís Castro, directora do obradoiro; Jesús Puente García, mestre de carpintaría, e Sandra Caamaño Pérez, mestra de ensino.
2º curso da pioneira Escola Municipal de Hostalería
Onte celebrouse a terceira proba de acceso para escoller os 15 alumnos e alumnas que se formarán neste segundo curso da Escola Municipal de Hostalaría de Carballo. Das 24 persoas preseleccionadas presentáronse 20, e tiveron que preparar un prato ante o xurado (na foto), formado polos profesionais da hostalaría Fernando Agrasar, José Manuel Martínez e Ana Isabel Godoy, e a traballadora municipal Milagros Antelo como secretaria. Hoxe presentarán os resultados.
A Escola de Hostalaría será xestionada por segundo ano pola empresa Garfio de Barizo S. L, representada polo prestixioso cociñeiro Fernando Agrasar, que será o director e un dos docentes do centro. O Concello de Carballo investirá este curso preto de 100.000 euros para ofrecer a mellor formación aos 15 alumnos/as que integrarán cada promoción.
O curso terá unha duración total de 1.135 horas, comezará en outubro e desenvolverase nas instalacións do Fórum Carballo en horario de 08.30 a 14.00, de luns a venres. Dentro desa formación inclúense 320 horas de prácticas en empresas.