O IES Monte Neme abre as súas portas dos seus Ciclos Formativos este xoves

Moito falamos estes días da oferta de FP na Costa da Morte. Pero é que experiencia formativas, con tanta saída como a do IES MOnte Neme, merece a atención.
E para comprobalo, podedes achegarvos este xoves 16 de xuño ao IES Monte Neme, situado na rúa Nacente do Concello de Carballo, pois celebra unha xornada de portas abertas. Poderanse visitar os talleres e as aulas dos ciclos de formación profesional. O horario establecido para a visita dos talleres é de 10 a 14 horas e, para a visita das aulas, de 11 a 14 horas. Os e as estudantes e o profesorado recibirán ás persoas interesadas e amosaranlles os traballos realizados durante o curso escolar, así como os recursos e os espazos. O obxectivo é dar a coñecer os ciclos de formación profesional do centro.
A oferta formativa
- A familia administración e xestión ofrece dous ciclos formativos de distinto nivel. O alumado de ciclo superior pode cursar administración e finanzas e os e as estudantes de ciclo medio poden formarse en xestión administrativa.
- Na especialidade de electrónica, o alumnado pode optar ás prazas do ciclo superior de sistemas de telecomunicacións e informáticos e ás prazas do ciclo medio de instalacións de telecomunicacións.
- Na rama eléctrica, o ciclo que se oferta no instituto, de nivel medio, é instalacións eléctricas e automáticas. A familia profesional fabricación mecánica está representada no centro co ciclo medio de mecanizado.
- A familia instalación e mantemento oferta ao alumando o ciclo superior de mecatrónica industrial.
Ciclo Dual como novidade
Este ano a novidade para o bienio 2022-2024, é Ciclo Superior DUAL Mecatrónica industrial. Non é a primeira vez que se oferta este ciclo no IES Monte Neme. Implantouse, por primeira vez, no bienio 2020-2022, con moi boa acollida por parte do alumnado e das empresas. Ao impartirse pola modalidade dual, non se ofertan prazas de primeiro curso todos os anos, como sucede nos ciclos de réxime ordinario.
A formación do alumado en dual esténdese durante dous anos que se distribúen alternando a presenza na aula e na empresa. Nos períodos de setembro a marzo, os e as estudantes asisten ao centro de ensino e, de abril a agosto, fórmanse na industria. Os meses de estancia nas empresas os alumnos e alumnas perciben unha bolsa de cincocentos euros.
Máis novas sobre o FP
- As novidades da oferta de FP dos IES da Costa da Morte.
- A Cámara de Comercio fomenta o emprendemento “próximo, positivo e real” nos centros de FP de Cee.
- Alumnos do FP de Informática do IES de Baio levaron o seu proxecto COANA á Maker Faire Galicia.
- O IES de Baio asina un convenio con 4 empresas para ofrecer un FP Dual de Aplicacións Web.
- O IES Fernando Blanco conta con 55.000€ para dotar tecnoloxicamente as aulas do seu FP.