Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A Cámara de Comercio fomenta o emprendemento “próximo, positivo e real” nos centros de FP de Cee

Charla en Cee
Pepe Formoso e Aida Cordeiro nun dos IES ceenses
A Cámara de Comercio fomenta o emprendemento “próximo, positivo e real” nos centros de FP de Cee

Esta semana estanse celebrando nos centros de ensino de secundaria de Cee, unha serie de charlas dentro programa EduInspira: «Experiencias que inspiran», un proxecto educativo da Xunta desenvolto pola Cámara de Comercio da Coruña que pon en valor o emprendemento desde unha “visión próxima, positiva e real”.

Medio centenar tanto do IES Fernando Blanco como do IES Agra de Raíces, principalmente de ciclos de FP, recibiron e participaron nestas sesións con diferentes profesionais responsables de empresas da zona, que falaron do emprendemento dende unha perspectiva de experiencia persoal próxima ao alumnado asistente.

Pepe Formoso e Aida Cordeiro de Atesor Traducion
Pepe Formoso e Aida Cordeiro

En concreto, os centros contaron coa participación de Aída Cordeiro, propietaria da empresa de comunicación internacional e tradución ATTESOR; Pepe Formoso, propietario do BELA Fisterra e BELA Muxía; Alberto Rodríguez, propietario dos Alda Hoteles a nivel nacional; e Noemí Bellas e Antía Balvuena, da axencia de márketing Libolis.

Aída mencionou que «entre as cousas positivas do emprendemento atópase a liberdade de poder elixir crecer como empresaria, investir nas novas tecnoloxías e poder ser dona do meu tempo» e explicou o proceso de emprender.

Pola súa parte, Formoso incidiu na importancia de «desterrar o concepto da sorte, xa que os resultados son froito de habilidades como a iniciativa, a creatividade, o esforzo, e moita moita paixón no que se fai, sempre rodeándose dos mellores e sen perder de vista a xestión do negocio».
Formoso vén de ademais de ser o único representante galego no Congreso de Calidade Turística, celebrado esta pasada semana en Cartagena, falando do éxito dos Bela pero tamén da Costa da Morte.
Sesions da Camara nos iES de Cee
Alberto Rodríguez e Noemí Bellas

O propietario de Alda Hoteles destacou “a necesidade de traballar en equipo, consensuando as decisións en grupo”, así como a “importancia da actitude no traballo e a motivación das persoas”. Así mesmo, defendeu que “os empresarios son a peza fundamental no ecosistema humano e na sociedade, creando riqueza e xerando emprego”.

Estas sesións continúan por 20 centros de toda a provincia, entre os que se atopan o IES Monte Neme de Carballo, o IES Eduardo Pondal (Ponteceso), o IES Maximino Romero de Lema (Zas) e o IES Terra de Soneira (Vimianzo).

Comentarios