María Bazar Verdes álzase gañadora do Premio Promesas de Alta Cociña

Conseguiuno!! Despois de colarse entre as 10 novas promesas da gastronomía estatal, a pontecesá María Bazar Verdes vén gañar a XIII edición dp Premio Promesas de Alta Cocina de Le Cordon Bleu Madrid. Bazar sitúase así como a meirande promesa do ano da cociña estatal.
A estudante do CIFP Paseo das Pontes recolle o relevo do seu compañeiro oleirense Jacobo Diz, gañador da edición do ano pasado, e que xa goza a día de hoxe do premio que vén de gañar a cociñeira bergantiñá: unha prestixiosa beca valorada en 40.000€ nunha das mellores escolas gastronómicas do mundo, a Grand Diplôme®.
O seu centro volverá recibir unha axuda económica de 1.500 €.
"Estou que non o creo a verdade, pero moi contenta, está sendo un día incrible", cóntanos dende a capital trala entrega de premios, pensando xa en como asimilar todo. "Estou como na nunha nube. Unha das mellores experiencias da miña vida. Creo que fixen un prato moi completo con técnicas claras e moi ben executado; esa podería ser a clave. Vou aproveitar esta oportunidade", afirmaba.

O seu prato, "Dourado con demi-glace de espiñas, camaróns e verduras", foi seleccionado polo xurado profesional, que nesta edición estivo presidido por Javier Olleros, cociñeiro galego con 2 estrelas Michelín e 3 soles Repsol.
A segunda finalista, Roser Reverté, da Escola d’Hoteleria Institut Dertosa de Tarragona, recibirá unha bolsa para cursar un diploma por valor de 23.000 euros, escollendo entre as especialidades que se ofertan na escola.
Como é María
Natural de Tella, non chega aos 22 anos, pero xa sabe o que é gañar premios como o Medalla de ouro nas Galician Skill 2023, o Concurso de Cociña e Coctelaría “Memorial Fraga do Eume”,
Podedes coñecela máis na conversa que tivemos con ela hai apenas 5 meses.