luns. 26.01.2026
El tiempo

LandraCiencia pon nome á III Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia

Landraciencia
LandraCiencia pon nome á III Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia

LandraCiencia, a nova denominación da Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia, afronta a súa terceira edición coa premisa de contar a ciencia en feminino, fomentar a curiosidade e demostrar que a investigación tamén se pode descubrir xogando, experimentando e compartindo.

Tecnoloxía, ciencias sociais, saúde, ecoloxía e actividades lúdicas para todos os públicos encherán LandraCiencia, o domingo 8 de febreiro, como contaron nunha presentación coas investigadoras carballesas Verónica Bolón e Olalla Rama, que se incorpora este ano ao comité organizador

A feira contará con nove equipos de investigación que presentarán proxectos punteiros desde as 10.30 ata as 13.30 horas na planta alta do mercado municipal.

folleto_landraciencia_web 2

folleto_landraciencia_web copia

Na presentación déronse a coñecer as diferentes propostas que conforman esta edición, nas que participan universidades, centros de investigación, profesionais da ciencia e do ámbito educativo, cun obxectivo común: achegar a ciencia á cidadanía, fomentar vocacións científicas desde a infancia e visibilizar o papel das mulleres na investigación

No ámbito das ciencias sociais, o Grupo de Estudos Territoriais (GET-UDC) presentará Territorio en xogo, un laboratorio do territorio deseñado para xogar e reflexionar sobre Carballo a través de mapas, construcións, xogos simbólicos e creación colectiva. A proposta promove unha mirada crítica e participativa sobre o espazo urbano, adaptada a diferentes idades.

A área de vida, saúde e ecoloxía inclúe o obradoiro Descubrindo a vida no solo, da man do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, coordinado por María Brandón, que permitirá observar insectos mediante lupas e pequenos experimentos. O Grupo de Investigación en Cambio Ambiental (GRICA-UDC) achegará O mundo oculto dos lagos: do sedimento ao microscopio, un obradoiro práctico para descubrir ecosistemas acuáticos desde unha perspectiva científica e lúdica.

A investigación en saúde terá un espazo específico coa actividade A ciencia que nos coida, un achegamento lúdico á investigación oncolóxica desenvolvido polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), pensado para explicar de forma accesible como traballan os equipos científicos no eido da saúde.

No eido da tecnoloxía e a enxeñería, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC-UDC) presentará dúas propostas: IA Verde, vinculada á Cátedra UDC-Inditex, para explicar que é a intelixencia artificial e como pode contribuír á sustentabilidade, e o Proxecto TuTIC, no que as persoas participantes poderán crear circuítos eléctricos e experimentar con sensores. A Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo participará cun Laboratorio tecnolóxico que inclúe lápices 3D, robótica educativa, cámara térmica, gafas de realidade virtual e un simulador de windsurf. A programación complétase con talleres de impresión 3D impartidos por Jorge Cebey.

A feira contará tamén cunha área dedicada á ciberseguridade, coa participación de Olalla Rama, consultora en ciberseguridade, que desenvolverá actividades de divulgación e sensibilización para achegar ao público a importancia da seguridade dixital no día a día.

Xunto ás propostas científicas, LandraCiencia incluirá un espazo de lecer con pintacaras, xogos, concursos con premios e unha zona creativa, reforzando o carácter familiar e aberto do evento.

LandraCiencia preséntase así como unha cita consolidada en Carballo para celebrar a ciencia en feminino, fomentar a curiosidade e demostrar que a investigación tamén se pode descubrir xogando, experimentando e compartindo.

Comentarios