Domingo. 05.05.2024
El tiempo

Lumieira lanza unhas completas Xornadas Micolóxicas para este outubro

xornadas_micoloxicas-Carballo 2023
Lumieira lanza unhas completas Xornadas Micolóxicas para este outubro

Chega o outono e a Axenda cambia festas por andainas. E por citas micolóxicas, como a que vai celebrar Vimianzo e a que artellan a A.C. Lumieira e o Concello de Carballo para este mes de outubro.

Nesta 14ª edición, propoñen unha serie actividades dirixidas a toda a poboación, dende a rapazada ata as persoas maiores, e que incluirán saídas ao monte, por suposto, pero tamén sesións de clasificación e catalogación, exposicións, degustacións e mesmo espectáculos infantís.

A primeira acción será o sábado 14 de outubro cunha primeira saída, dirixida por Manuel Pose dende o Fórum Carballo, ás 10.00 horas, e a posterior clasificación dos cogomelos e a valoración da xornada, xa a partir das 16.30 horas. As persoas interesadas poden inscribirse xa enviando os seus datos a [email protected].

Para o sábado 21 hai unha novidade para introducir aos nenos e nenas no mundo da micoloxía: unha saída coordinada por Tomás Rodríguez. O punto de encontro serán as instalacións de La Base Motor Club, en A Telleira (Artes), ás 10.00 horas. A recollida realizarase pola contorna, e ao seu remate, previsto para o mediodía, os nenos e nenas participantes poderán asistir alí mesmo a un espectáculo do Mouro Moure, Un bosque na maleta. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos de idade. Hai 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición.
Ademais, mentres os nenos e nenas se achegan á micoloxía na parroquia de Artes, no Fórum Carballo levarán a cabo unha xornada gastronómica para todos os públicos, co cociñeiro Miguel Silvarredonda. A actividade comezará ás 11.00 horas, e consistirá na elaboración e degustación de petiscos con cogomelos. Hai 40 prazas.
Para esta xornaxa compre inscriibirse neste formulario.

O sábado 28 volverán contar con Tomás Rodríguez, co cal realizaremos unha nova saída para recoller cogomelos, co mesmo formato que a do día 14. As persoas interesadas poden inscribirse xa enviando os seus datos a [email protected].

E o domingo 29 rematarán as xornadas por este ano cunha exposición conxunta na feira. A partir das 11.00 horas, todo o público que o desexe poderá achegarse ata o posto que teremos instalado na zona da Praza do Concello e aprender máis sobre os cogomelos coa axuda dos micólogos Raquel Poncini e Pablo Cuadrado.

Comentarios