Martes. 10.12.2019
El tiempo

Mais de 70 toneladas de "solidariedade" en Carballo

Mais de 70 toneladas de "solidariedade" en Carballo
A Fundación Humana, que leva 30 anos promovendo a protección do medio ambiente a través da reutilización do téxtil e desenvolvendo programas de cooperación en África, América Latina e Asia, recolleu o ano pasado en Carballo un total de 70.623 quilos de téxtil usado, o que supón un incremento de case un 9% con respecto ao 2016 e do 18% nos dous últimos anos. Contador de Humana na Avda. Bergantiños Desde o pasado mes de outubro, coa instalación de dous novos puntos de recollida, a organización conta no concello carballes con 16 contedores nos que poder depositar roupa, calzado, complementos e téxtil de fogar en desuso, e que deste xeito teñen unha segunda vida. O servizo é gratuíto, e representa un aforro importante na xestión dos residuos sólidos urbanos. Os novos colectores están situados xunto ao CEIP Gándara-Sofán e na avenida de Bergantiños, xunto ao Parque do Chorís.  Nos do Centro Comercial Bergantiños e o centro de saúde superáronse o ano pasado os 10.000 quilos de téxtil, pero incluso nos dous que se colocaron en outubro xa xe recolleron uns 500 quilos, o que demostra a boa acollida que ten o servizo. Humana foi unha entidade pioneira no Estado na recollida e xestión do téxtil usado, que se realiza hoxe en día en contedores metálicos que garanten altos niveis de usabilidade e seguridade. Grazas a este labor, dende Carballo tamén se está a colaborar na protección do medio ambiente e na loita contra o cambio climático, xa que ademais de recuperar as prendas evítase o seu depósito en vertedoiros, contribuíndo á redución da emisións de gases de efecto invernadoiro. As 70 toneladas recollidas capital de Bergantiños representan un aforro de 220 toneladas de CO2 á atmosfera, ou, o que é o mesmo, equivale a que 12.000 coches deixen de circular durante un día. Sen dúbida, o planeta agradecerá o noso xesto.

Comentarios