Máis de vinte profesionais cítanse na Axober Work Party para analizar o sector da construcción
07:05 18/11/16
Máis de vinte profesionais relacionados co sector asistirán esta tarde á segunda edición de Axober Work Party, na que se abordará a situación actual e as perspectivas de futuro da construción en Carballo e na comarca. Neste espazo de intercambio de experiencias para autónomos e empresas, que conta coa colaboración do concello de Carballo, extraeranse unha serie de conclusións sobre o que se necesita para dinamizar un sector moi importante para a economía local e para o emprego.
A Axober Work Party celebrarase a partir das 16:30 horas no Fórum Carballo. O arquitecto municipal, Alfredo Garrote Pazos, realizará unha primeira intervención con datos sobre a situación actual da construción inmobiliaria no concello e sobre as perspectivas de futuro que ofrece o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado no pasado mes de febreiro. Dende o propio sector, o promotor e construtor Javier Souto Gago, xerente de Construcciones J. Souto, explicará en que momento está a construción e cales son as alternativas de traballo polas que se está a apostar.
Un aspecto fundamental de cara ao relanzamento da promoción inmobiliaria é o financiamento, e para falar deste aspecto contaremos con Eladio Varela Pombo, director do Centro Empresas Negocio Inmobiliario Galicia de La Caixa. E, por último, Milagros Antelo Cameán, responsable técnica da Bolsa de Traballo (BDT) do concello de Carballo, explicará que requisitos buscan as empresas da construción que recorren a este servizo municipal e cales son as necesidades de formación que se teñen detectadas.
Para participar
Aínda que se trata dun acto aberto, e no que se trata de fomentar a participación das persoas asistentes, por cuestións de organización prégase ás persoas interesadas que se inscriban a través do número de teléfono 981 756 313, do correo electrónico informació[email protected] ou enviando unha mensaxe a través da páxina de Axober en Facebook.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Axober