Medio millar de niños de velutina eliminados no que vai de ano en Carballo
O pasado 2018 foron 647 os niños de avespa asiática retirados polo servizo municipal de control de pragas do concello de Carballo. Unha cifra á que se achegan neste 2019, con máis 500 retirados ata este mes, e tendo en conta que, coa experiencia dos anos anteriores, o mes de outubro é o de máis traballo dá.
Chama a atención que este setembro o servizo retirou 150 niños de velutina, case un 70% máis que no mesmo mes do ano pasado.
Ningunha parroquia se libra da invasión, aínda que no mes de setembro as máis afectadas foron Sofán, con 23 niños, e Bértoa e Rus, con 21 cada unha.
Instrucións
Dende o servizo municipal queren aproveitar para dar instrucións. As persoas que localicen un niño poden chamar ao 012 ou ao 112, desde onde darán aviso ao servizo municipal de control de pragas. Insisten en extremar as precaucións para evitar picaduras, xa que o mes pasado tiveron constancia de que 5 persoas resultaron picadas. Por iso:
- 1.- Antes de empezar a traballar, realiza un recoñecemento da parcela para comprobar que non existen niños. É frecuente que aparezan entre as silveiras.
- 2.- Se atopas un niño de velutina non te achegues nin lle toques, porque se sentirán atacadas. Chama ao 012 ou ao 112 para que acudamos a retiralo.
- 3.- No caso dun ataque fuxe o máis rápido posible e intenta refuxiarte nalgún lugar pechado coma o coche, protexe a cara e a parte de atrás do pescozo (teñen tendencia a picar nesa parte do corpo) e non fagas movementos bruscos. Se a atacada é outra persoa non te achegues, chama rapidamente ao 112. E se es alérxico procura levar sempre contigo a medicación precisa.
Novas relacionadas
- Setembro 19: Eliminando niños de velutina con drones.
- Xullo 19: A eclosión da velutina deixa sen marxe aos servizos de eliminación de niños.
- Xullo 19: A velutina dispárase.
- Xaneiro 2019 Balanzo dun 2018 da "Guerra da Velutina" en Carballo-
- “Os Concellos estamos atados para loitar contra a avespa velutina”.