A mostra de cine AMAL en Ruta trae a Carballo a realidade de Gaza
- Abordaranse temas sobre a identidade, a resistencia cultural e as realidades sociais dos países árabes, concretamente con temáticas sobre a situación en Gaza, os dereitos da muller en Xordania ou a chegada de refuxiados a Europa
- Proxectaranse catro ficcións e un documental no Pazo da Cultura ás 20.00 horas, con entrada libre ata completar o aforo

Entre o xoves 30 de xaneiro e o xoves 20 de febreiro o Pazo da Cultura de Carballo acolle as proxeccións do ciclo de cinema euroárabe AMAL en Ruta Carballo 2025. Un programa enmarcado no programa Cultura con Forza, co que Carballo se refrenda como referente cultural provincial. Porque contar cun ciclo tan especial é un luxo para esta comarca.
Nesta edición de 2025, o ciclo artellado pola Fundación Araguanei e o Concello, aborda principalmente temas sobre a identidade, a resistencia cultural e as realidades sociais dos países árabes, intentando romper cos estereotipos e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta cultura tan heteroxénea
. Baixo o lema “Existir es resistir”, a programación céntrase na resistencia do pobo palestino e noutras historias de resiliencia en contextos de conflito e migración. Os filmes –veranse en versión orixinal subtituladas en castelán– abordan temáticas como a situación en Gaza, os dereitos da muller en Xordania ou a chegada de refuxiados a Europa.
Ghaleb Jaber lembrou que desde hai décadas, o pobo palestino foi sometido a múltiples agresións: roubo de terras, confiscación de propiedades, demolición de vivendas, restricións de movemento, limpeza étnica, represión violenta, tortura e morte. “Os responsables desta masacre levan tempo utilizando a cultura e os medios de comunicación para encubrir as súas atrocidades. Por iso, cada poema, cada película, cada fotografía, cada libro que publicamos é sinónimo de loita. Os palestinos e descendentes de palestinos convertemos o mero feito de existir en resistencia. Amal non é só un festival de cine, é un acto de resistencia. Nos 22 anos de Amal, loitamos contra a desinformación que promoven as empresas de comunicación e outros organismos co obxectivo de deshumanizar a cultura e a cidadanía árabe e converter ao resto da sociedade en cómplices desta barbarie. Pero Amal significa esperanza, e este ano significa, sobre todo, resistencia” –destacou–.
Programa do AMAL en Ruta 2025
The Teacher (FIC).
- Xoves 30 xaneiro - 20.00 horas.
- 2023 | Palestina | 115’
Un profesor palestino enfróntase á devastadora realidade do conflito en Gaza mentres trata de inspirar aos seus estudantes a través da educación. A película retrata, cunha mirada íntima, o choque entre o idealismo e a brutalidade cotiá onde o ensino convértese nun acto de resistencia.
Farah Nabulsi é unha directora palestinobritánica defensora dos dereitos humanos. Foi nomeada aos Oscars e gañou un premio BAFTA pola súa curtametraxe The present no 2021. Fundou unha produtora a través da cal escribe, produce e dirixe as súas filmes de ficción, explorando temas que lle importan.
Inshallah Walad (FIC)
- Sábado 1 febreiro - 20.00 horas.
- 2023 | Xordania, Francia, Exipto | 113’
Nai e ama de casa, Nawal ten que enfrontarse á súbita morte do seu marido. Segundo a lei de sucesións, a familia do seu marido ten dereito á maioría das súas pertenzas, incluída a vivenda que ella mesma pagou, só porque non ten fillo. Desesperada, finxe estar embarazada.
Amjad Al Rasheed, nado en 1985, é un director e scritor xordano. A súa primeira longametraxe, Inshallah Walad, estreouse mundialmente no Festival de Cannes de 2023 como parte da prestixiosa Semana da Crítica. Isto converteuna na primeira película xordana seleccionada para o Festival de Cine de Cannes.
The Old Oak (FIC)
- Xoves 6 febreiro - 20.00 horas.
- 2023 | Reino Unido | 110’
O filme narra o futuro de The Old Oak, o único pub que resiste nunha vila do noroeste de Inglaterra, onde a xente está abandonando a terra a medida que pechan as minas. As casas son baratas e están dispoñibles, polo que é un lugar ideal para un grupo de refuxiados sirios.
Ken Loach é un prestixioso director británico, coñecido polo seu estilo realista e o seu enfoque sobre temas sociais e políticos. Ao longo da súa carreira, dirixiu aclamados filmes como Daniel Blake, Riff-Raff e The Wind that Shakes the Barley, todos eles premiados internacionalmente. Loach destaca polo seu compromiso coa xustiza social, a cotío explorando as loitas das clases traballadoras e grupos marxinalizados nas súas obras cinematográficas.
To a Land Unknown (FIC)
- Xoves 13 febreiro - 20.00 horas.
- 2024 | Grecia, Reino Unido, Palestina | 105’
Chatila e Reda, de orixe palestina, son dous curmáns que remataron vivindo nos suburbios de Atenas buscando unha vida mellor. No intento de aforrar diñeiro para pagar os pasaportes falsos e mudar a Alemaña, Chatila trama un plan extremo antes de que sexa demasiado tarde.
Mahdi Fleifel é un cineasta palestino que reside en Londres. Naceu en Dubai, creceu no campo de refuxiados de Ain El-Helweh (O Líbano) e nas aforas de Elsinore (Dinamarca). Graduouse na Escola Nacional Británica de Cinema e Televisión en 2009. O seu coñecido documental, A World Not Ours percorreu o gran circuito de festivais e obtivo numerosos premios, entre eles o Premio da Paz da Berlinale, o de Mellor película en Edimburgo e o Gran Premio en Yamagata.
Bye Bye Tiberias (DOC)
- Xoves 20 febreiro - 20.00 horas.
- 2023 | Palestina, Bélxica, Qatar, Francia | 82’
Anos despois de deixar a súa aldea palestina para emprender unha carreira de actriz en Francia, Hiam Abbass regresa a casa coa súa filla neste documental íntimo sobre catro xeracións de mulleres e o seu legado compartido de separación.
Cineasta e actriz franco-palestina-alxerina, Lina Soualem é licenciada en Historia e Ciencias Políticas pola Universidade da Sorbona. Soualem dirixiu os multipremiados filmes Their Algeria (2020) e Bye Bye Tiberias (2023), o cal foi elixido para representar a Palestina nos Óscar de 2024.