Nova fornada formativa no Forum Carballo

Non para de acoller eventos e accións formativas o edificio dos 100 actos. Xa está en marcha no Forum Carballo o curso de auxiliar de comercio incluído no Plan de Formación da Bolsa de Traballo de Carballo. Pero ademais, comezan esta semana un interesante ciclo de charlas InForum15.
Curso de comercio do BDT
Xa está en marcha o curso de auxiliar de comercio incluído no Plan de Formación da Bolsa de Traballo (BDT) para o primeiro semestre do 2015. O concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, explicou hoxe ás 25 alumnas que as accións formativas foron deseñadas para “responder á demanda do mercado laboral”, e nese sentido expresou o seu desexo de que contribúan “a mellorar a vosa capacidade para encontrar un traballo”.
As 25 participantes, todas mulleres, están inscritas na BDT como demandantes de emprego no sector do comercio. O curso iniciado hoxe inclúe 80 horas teóricas e 80 de prácticas en empresas do sector para aquelas alumnas que superen a primeira parte da formación, tal como lles explicaron a intermediadora laboral do Concello de Carballo e responsable da BDT, Milagros Antelo, e representante empresa que impartirá a acción formativa.
InForum
Este xoves 29 arrinca un ciclo diferente de charlas. O ciclo inFórum15 pretende dar unha visión tecnolóxica ás prácticas empresariais de hoxendía, e poderase escoitar a xentes tan especializadas como xefe de márketing do Grupo Calvo, o creativo da campaña Vivamos como galegos!; Carlos Fernández, o famoso community manager de Policía Nacional, a administración pública con máis 'followers' en todo o mundo; ou o xornalista Luis Fraga.
Será este o inicio do InForum15. As inscricións poden formalizarse a través do enderezo electrónico forumcarballo@gmail.com; do Twitter @forumcarballo; ou no Facebook de Fórum Carballo.

Novas relacionadas
- O Forum Carballo énchese con 5 cursos para desempregados e unhas xornadas sobre rrss.
- Carballo ten algo que contar.
- O edificio dos 100 actos.
Fonte
- Concello de Carballo.