O novo alcalde carballés estréase nos Consellos Parroquiais
Esta semana comezou unha nova rolda de consellos parroquiais, a primeira tras o relevo na Alcaldía. Ademais do alcalde, na xuntanza de Aldemunde tamén se estreou Ramón Varela Rodríguez como responsable da área de Participación Veciñal.
E por orde alfabética, tocaba comezar por Aldemunde (o próximo consello parroquial celebrarase o xoves 13, ás 20.00 horas, en Ardaña), onde un nutrido de veciños escoitou e informou das súas necesidades aos representantes dos tres grupos da corporación municipal.
O alcalde, Daniel Pérez, fixo un repaso das propostas presentadas no anterior consello, a maior parte xa executadas ou en marcha. Nese sentido, desde a veciñanza valorouse moi positivamente a incorporación da parroquia de Aldemunde ao programa de exercicio físico para maiores, así como ás actividades que se levan a cabo dentro do programa Remocea.
Así mesmo, está pendente de realizar (está previsto iniciar este mesmo ano o proceso de licitación para que as obras poidan executarse no 2026) a demanda veciñal máis cuantiosa, a pavimentación do núcleo de Aldemunde de Arriba, será unha realidade a curto prazo. O proxecto está incluído no POS+ Complementario cun orzamento de 212.535,42 €. A actuación consistirá na instalación de canalizacións de saneamento e augas pluviais, a pavimentación do rueiro do núcleo nunha superficie de 3.000 metros cadrados, sinalización horizontal e vertical, colocación de mobiliario urbano e axardinamento.

Unha das principais reivindicacións da veciñanza de Aldemunde é a fibra óptica, da que carecen varios lugares. Desde o Concello de Carballo xa se realizou unha petición nese sentido á compañía que presta o servizo, pero, ante a falta de resposta, acordouse reiterala.
A outra petición é a canalización das augas da Barreira e da estrada xeral, para o cal pedirase a colaboración das persoas propietarias dos montes.
O concelleiro Luis Lamas tamén informou ao remate da sesión de que tamén está en marcha o proceso de consecución dos terreos necesarios para intervir no xacemento arqueolóxico da Pedra Moura de Aldemunde, incluído no Parque do Megalistismo da Costa da Morte.
