Novo paso para o vial que unirá o polígono de Bértoa coa estrada de Razo

Segue avanzando o proxecto da estrada que unirá o polígono Bértoa con Razo. Unha necesidade para evitar unir a Coruña coa capital galega do surf e un dos reclamos turísticos, deportivos e estivais máis potentes do concello carballés, sen ter que entrar no casco urbano.
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar un convenio coa propiedade da parcela denominada Chousa do Muíño da Pintura para a cesión dos 3.604 metros cadrados de terreo precisos para abrir a fase 1D da nova estrada.
4 fases
O proxecto do sistema xeral viario está dividido en catro fases. A fase 1A, que está en execución nestes momentos, abrangue o traxecto comprendido entre a rotonda do polígono e a avenida dos Abetos, así coma o acondicionamento da rúa Médico Justo Martínez, que quedará integrada no itinerario alternativo á estrada comarcal AC-552.
A actuación, que executa a empresa Vázquez y Reino por 541.218 euros, está pendente do aglomerado dos 800 metros de vía de case 14 metros de ancho que xa están abertos, e que constarán de dous carrís de circulación de 3,20 metros de ancho, beiravías de 1,20 metros, cunetas de 1 metro e unha senda mixta, para ciclistas e peóns, pola marxe dereita. Tamén se instalará iluminación e plantaranse 35 árbores.
A fase 1B está pendente da consecución dos terreos, aínda que o proceso de expropiación xa está en marcha e está previsto completalo en breve. Este mesmo sistema utilizarase para obter o solo necesario para a fase 1C, e o expediente iniciarase este mesmo ano. O solo preciso para o desenvolvemento da fase 1E, a máis próxima á avenida de Razo, xa é de propiedade municipal.
O Concello explica os pormenores do convenio urbanístico.