![ceip-fogar-visita-concello-carballo]()
Os estudantes mantiveron un encontro co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero
Un total de 44 alumnos e alumnas de 2º de primaria do CEIP Fogar de Carballo visitaron a casa do Concello para coñecer máis de preto o funcionamento da administración local. Acompañados das súas profesoras, comezaron o percorrido no salón de plenos cun encontro co alcalde - Evencio Ferrero -. A curiosidade dos máis cativos e cativas marcou a xuntanza, con orixinais preguntas como "cantos exércitos hai no mundo?", se o rexedor coñece a Mariano Rajoy ou a Núñez Feijóo (non ao primeiro, si ao segundo), ou quen senta habitualmente nas cadeiras do salón de plenos. Tamén amosaron interese polo número de bodas que teñen lugar en Carballo ao longo do ano - 47 en 2016 - ou pola actividade cotiá do alcalde.
As datas do Nadal tamén ocuparon boa parte da conversa, e Ferrero aproveitou para facer algunhas recomendacións aos nenos e nenas, como que se porten ben, traballen moito e sexan bos na escola e na casa para que Papá Noel e os Reis Magos lles traian moitos agasallos, aínda que o alcalde confesou que el é "máis de Reis Magos". Tamén aproveitou para dicirlles que teñen que comer de todo, tamén verduras.
Despois do encontro, de arredor de media hora de duración, o alumando do CEIP Fogar aproveitou para coñecer outras dependencias municipais, como a Oficina Técnica Municipal, Asuntos Económicos, o Rexistro Municipal ou a Comisaría da Policía Local.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo