luns. 02.12.2024
El tiempo

O Casino renace coas portas máis abertas que nunca

O Casino renace coas portas máis abertas que nunca
A renovada directiva do Casino Casino Carballo logo 1889 129 anos de historia teñen que deixar un pouso cultural inmenso. E así o recolle a nova directiva do Casino de Carballo, que vén de facer a súa presentación en sociedade, coa arela de conseguir recuperar para a vida social carballesa esta necesaria institución. O Casino de Carballo renace coa arela de conseguir os socios suficientes como para crear unha institución aberta ao pobo, con cabida para iniciativas de toda a veciñanza e aproveitando un local que dende 1889 estivo vencellado, dunha ou outra forma, á vida social e cultural da vila. Onte venres douse a coñecer o novo proxecto nunha cita na que Vítor Lorenzo, en calidade de Presidente da asociación, explicou o ideario do novo Casino1889, así como os seus obxectivos, sendo o principal a captación de socios, fundamental para que a iniciativa chegue a bo porto. Así, dende hai días, pero especialmente nas próximos semanas, seguirá en marcha unha campaña para conseguir que a veciñanza se sume á iniciativa e acadar o número suficiente de socios e socias para que Casino1889 sexa unha realidade que forme parte da vida cotiá de Carballo. A intención da directiva é abrir o Casino ao pobo, organizando actividades culturais e de lecer de todo o tipo e para todas as idades, mais tamén poñendo o espazo ao dispor das persoas que teñan iniciativas propias, para que o Casino sexa unha entidade viva e en constante evolución. Cheo absoluto Olivia Pena, pola súa parte, como portavoz de Comunicación, explicou durante o acto o funcionamento das redes sociais, que serán unha parte importante do proxecto, non só para difundir e dar a coñecer todas as actividades, senón para que a xente tamén exprese a súa opinión e funcionen como vehículo público de comunicación entre todas as partes. Neste sentido, ademais, unha das sorpresas da noite foi a presentación da nova páxina web do Casino1889 (www.casino1889.wordpress.com), aínda en elaboración, na que se poderá encontrar toda a información relativa ao Casino, á programación de actividades e ás diversas formas posibles de colaboración. Laura Tova, en calidade de Vice-Presidente do Casino tamén ofreceu algunha das claves do proxecto, insistindo tamén na importancia da captación de novos socios e socias. Na cita tamén estiveron o resto de membros da directiva, incluíndo a Melina Regueira, Secretaria; Linda Vilariño, Vice-Secretaria; Marina Gómez Blanco, Tesoureira; Suso Serrano, Contable; Xosé Manoel Rama Edreira, Bibliotecario; e Carlota Varela, Vogal. Ademais dos socios e socias que xa forman parte da familia do Casino1889, veciños e veciñas e persoeiros da vida social, política e cultural do pobo que quixeron apoiar a iniciativa. Para cerrar o acto, proxectouse un vídeo en que diferentes personaxes da cultura e da vida pública mostraron o seu apoio ao Casino1889 e tamén houbo un divertido photocall para que todas as persoas que o desexasen amosasen o seu apoio á nova entidade, sendo xa os primeiros membros da comunicade Casino1889. A noite pechou cuns pinchos e nun ambiente festivo. O casino carballo 1889 e de todos

Fonte

Comentarios