Martes. 07.04.2020
El tiempo

O colexio A Cristina súmase ao proxecto do Pedibús

O colexio A Cristina súmase ao proxecto do Pedibús
acristina-pedibus-carballo Un grupo de nais da ANPA A Cristina mantiveron onte un encontro con representantes municipais para avanzar sobre o proxecto Nos próximos días, poñeranse en marcha en Carballo dous novos camiños escolares que terán como destino o CEIP A Cristina que se suma así ao proxecto do Pedibús - que leva varios anos funcionando nos colexios Fogar e Bergantiños -. A iniciativa partiu da ANPA coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade, a principios de curso, e desde aquela a xunta directiva da asociación está a traballar coa concellaría de Mobilidade Urbana para poñela en marcha. A ANPA xa enviou información a todas as casas e abriu un prazo de inscrición para as interesadas en sumarse. En principio participarán 19 familias, cun total de 28 nenos e nenas que farán xuntos/as o camiño de ida e volta ao colexio. De feito, tal como comentan as nais, na Cristina xa é moi elevada a porcentaxe do alumnado que vai a pé, pero a través do pedibús trátase de que se sumen máis e de o fagan dun xeito organizado, reducindo deste xeito o tráfico na contorna escolar, fomentando a mobilidade peonil e contribuíndo a incrementar a autonomía infantil. Rutas Un grupo de nais mantiveron onte unha xuntanza na casa do concello co alcalde - Evencio Ferrero -; a concelleira de Mobilidade Urbana - Milagros Lantes - ; o xefe da Policía Local - Roberto Mosquera -, e dous axentes de mobilidade. Milagros Lantes agradeceu a implicación da ANPA do CEIP A Cristina e expresou o seu desexo de que, unha vez rematadas as obras de mellora da accesibilidade na contorna do CEIP Xesús San Luís Romero, o pedibús poida chegar a todos os colexios urbanos. Tamén explicou que por parte da Policía Local existirá un acompañamento exhaustivo durante o proceso de posta en marcha, pero que o obxectivo é que co paso do tempo dos nenos e nenas precisen menos apoio. Neste sentido resulta fundamental establecer rutas o máis seguras posibles e contar coa colaboración tanto de voluntariado acompañante como de establecementos comerciais ou hostaleiros ao longo dos percorridos. Os próximos pasos consistirán en definir, en función dos lugares de residencia dos nenos e nenas, os percorridos concretos e os puntos de encontro. Nos vindeiros días tamén terá lugar no propio colexio unha xuntanza do alumnado coa Policía Local, que establecerá un primeiro contacto cos rapaces e ofreceralles unha serie de normas básicas. E a partir de aí, xa antes das vacacións de Nadal, agárdase poñer en marcha o pedibús do CEIP A Cristina. Novas relacionadas Fonte

comentarios