martes. 31.03.2026
El tiempo

Abre a reserva de entradas para os dous directos máis destacados do Interplay

Pop-y-Muerte - Pop Muerte
Pop Muerte
Abre a reserva de entradas para os dous directos máis destacados do Interplay

O Carballo Interplay abre hoxe martes 31 de marzo, ás 12.00 horas, a reserva de entradas para dous dos directos máis destacados da súa 13ª edición: Bimboficadas, con Samantha Hudson e María Barrier, e Pop y Muerte, con Kiko Amat e Benja Villegas. As entradas serán de balde e poderán reservarse a través da páxina web do festival, cun límite de dúas por persoa.

Todas as actividades do festival serán de acceso gratuíto ata completar capacidade, pero só se precisará reserva previa para os dous shows mencionados coa finalidade de facilitar o control de accesos na súa franxa horaria (22h30). Desde a organización lémbrase, ademais, a importancia de cancelar e devolver a entrada no caso de que finalmente non se vaia acudir, co obxectivo de que esas prazas poidan ser aproveitadas por outras persoas interesadas.

Dous podcasts con identidade propia pasarán polo Mercado de Carballo

A primeira das citas será o venres 17 de abril ás 22.30 horas no Mercado de Carballo, cando Samantha Hudson e María Barrier protagonizarán unha edición especial de Rajando con… na que trasladarán ao escenario a esencia de Bimboficadas. Será a primeira vez que este popular podcast chegue a Galicia, nun formato pensado especificamente para o directo e en diálogo cun dos espazos clásicos do festival.

Creado a partir da complicidade entre ambas as súas autoras, Bimboficadas combina humor, ironía e unha ollada crítica moi persoal para abordar cuestións de actualidade e debates da esfera pública. A través da sátira, da cultura pop e do comentario social, Samantha Hudson e María Barrier constrúen un universo propio no que teñen cabida temas como a identidade de xénero, a precariedade laboral ou a saúde mental.

 

Xa o sábado 18 de abril ás 22.30 horas será a quenda de Pop y Muerte, o podcast conducido por Kiko Amat e Benja Villegas, que tamén poderá escoitarse por primeira vez en Galicia no marco do Carballo Interplay. O proxecto, convertido nun dos títulos máis queridos do panorama estatal, chega ao festival como unha das propostas máis atractivas desta edición.

Ao longo das súas tempadas, Pop y Muerte consolidou un estilo propio arredor da cultura popular, cun ton afiado, irreverente e moi documentado. Música pop, homicidios, sectas, fútbol ou subcultura conviven neste espazo sonoro construído desde o humor, facendo de cada episodio unha experiencia tan lúcida como divertida.

 

 

Comentarios