O novo depósito de abastecemento de auga de Carballo estará listo en outubro
A bo ritmo marchan as obras da Fase II da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)", “a obra máis importante que se terá realizado en Carballo durante este mandato”, segundo o propio alcalde Evencio Ferrero. Unhas obras que están sendo realizadas pola UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL e Demaín Obras y Servicios SL por un importe de 2.413.950 euros.
Unha comitiva municipal acodía onte a ver as obras da ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable), incluída no proxecto, na parroquia de Sofán, unha instalación que, coa potabilizadora xa existente, terá capacidade no futuro para abastecer todo o territorio carballés.
Aseguran que se están cumprindo os prazos estipulados no proxecto técnico e que se está traballando con celeridade aproveitando as boas condicións meteorolóxicas do verán. De feito, depósito de auga bruta que logo subministrará a nova estación poderá estar rematado no mes de outubro, mentres que está previsto que o groso da actuación estea listo a primeiros de maio de 2015, logo de oito meses e medio de execución.
Ademais, as obras implican a realización de tres redes de saneamento na Costa, no Esmorís e no Cadaboso, na parroquia de Berdillo