![]()
Unha das axudas de emerxencia social máis demandadas pola veciñanza de Carballo son os vales de alimento. Así, durante o ano pasado recorreron a elas 241 persoas que, deste xeito, tiveron acceso a unha serie de produtos de primeira necesidade para calquera familia. O concello de Carballo, que este ano
destina a emerxencia municipal unha partida de 100.000 euros, atende todo tipo de situacións. No 2016 concedéronse 20 axudas para pago de aluguer, 26 para subministro eléctrico, 12 para auga, 78 para obter o título de secundaria, una para un enterro e 27 para outro tipo de necesidades, como arranxo dental, gastos farmacéuticos, bombonas, transporte, etc.
Segundo aseguran dende o goberno municipal, a crise económica que empezou no 2008 marcou un antes e un despois na política social, xa que a partir dese momento aumentaron dun xeito considerable as situacións de emerxencia, ás que se trata de dar resposta dende o departamento que dirixe Maica Ures.
Outras axudas
A concellería de Igualdade e Benestar xestiona nestes momentos 173 rendas de integración social, as famosas Risga que concede a Xunta de Galicia pero que se tramitan a través dos servizos sociais municipais. A través deste sistema de axuda ás familias xéranse uns ingresos anuais que superan os 1,3 millóns de euros. As Axudas de Inclusión Social (AIS), que tamén outorga a Xunta, e que consisten nun pagamento único para distintos conceptos, supuxeron o ano pasado en Carballo un total de 62.998,91 euros.
Dentro das axudas autonómicas, no 2016 tamén se tramitaron 59 para o tícket eléctrico social, mediante o cal a administración autonómica financia parte do recibo de luz das familias que reúnan os requisitos establecidos, e 14 AUX, destinadas a evitar os cortes de subministración de electricidade ou gas, acolléronse 14 familias. Para ámbalas dúas xa está aberto este ano o prazo de solicitude. As persoas que desexen máis información poden dirixirse ás oficinas de Igualdade e Benestar na avenida do Ambulatorio.