Un Paso Máis ofrece unha completa programación inclusiva para o mes de abril
A Agrupación Deportiva e Social Un Paso Máis volve demostrar o seu compromiso coa visibilización da diversidade e a inclusión real a través dunha intensa axenda de actividades para este mes de abril. A entidade, que traballa de xeito transversal na formación de familias e o deporte adaptado, presenta unha programación que combina a actividade física na natureza, o apoio técnico e a colaboración estratéxica con outras institucións da comarca.
Unha axenda cargada de emoción e aprendizaxe
A programación arranca este xoves 9 de abril ás 17:00 h coa agardada Xornada Surfeira na praia de Razo. Esta actividade, de carácter gratuíto, desenvólvese grazas á estreita colaboración cos profesionais de PAUA Surf, quen achega os monitores e o material especializado para garantir unha experiencia segura e enriquecedora. Cun límite de 12 prazas esta sesión busca fomentar o contacto co medio mariño como ferramenta de autonomía e lecer inclusivo.
O prato forte da convivencia chegará o sábado 11 de abril, nunha xornada dobre:
-
Pola mañá (10:00 h): A Aula Formativa do Mercado Municipal acollerá un Obradoiro de Familia sobre a medicación infantil, impartido polo Dr. Juan Carlos Díaz del Valle (psiquiatra). Baixo o título "Medicación: para que serve e para que non", o obxectivo é dotar ás familias de ferramentas e coñecemento científico ante un tema de gran relevancia.
-
Pola tarde (17:15 h): A "Familia UPM" trasladarase ao Pavillón Vila de Noia para apoiar ao Club Xiria nun partido decisivo da liga EBA simbolizando a unión entre o deporte de elite e o deporte social.
Expansión pedagóxica e compromiso comunitario
A labor de sensibilización continuará o 22 de abril no CEIP de Bormoio-Agualada, onde a entidade ofrecerá unha charla sobre Deporte, Lecer e Inclusión a convite da ANPA Agualada. Así mesmo, xa se traballa no II Obradoiro de Xadrez para Pais e Educadores de maio, en colaboración coa ANPA Raiante (CEIP A Gándara-Sofán), reafirmando a importancia de crear redes locais.
Desde a directiva de Un Paso Máis destacan a importancia destas sinerxias: "Para a nosa asociación, o apoio de entidades como o Club Xiria ou as ANPAs da comarca é o motor que nos permite seguir avanzando. Non entendemos a inclusión como un compartimento estanco, senón como un camiño que debemos percorrer da man de toda a sociedade carballesa, sumando forzas para que cada neno e nena teña o seu lugar no taboleiro, na cancha ou nas ondas".
A entidade informa tamén do peche de inscricións para o Premio ENKI en Gandarío tras esgotar as prazas, un éxito que demostra que a comunidade está máis viva e implicada ca nunca.
