Luns. 29.04.2024
El tiempo

O pleno carballés aprobará o luns o Orzamento 2024

Evencio Ferrero e Belen Lendoiro
Evencio Ferrero e Belen Lendoiro
O pleno carballés aprobará o luns o Orzamento 2024

A corporación municipal do Concello de Carballo aprobará no pleno deste luns 8 de xaneiro, o orzamento máis alto da historia de Carballo: 31.539.516,80 euros. O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, presentaron as cifras na comisión informativa, destacando o aumento de 1,3 millóns con respecto ao ano pasado, coa posibilidade de sumar algún remanente a maiores.

Destacan o aumento do gasto social. Só a partida destinada ao servizo de axuda no fogar sobe medio millón de euros, e acada xa os 1,9 millóns, e as axudas de emerxencia para particulares aumentan un 100%, xa que pasan de 100.000 a 200.000 euros.

Tamén o incremento no capítulo de gastos en servizos por mor da inflación. Este ano o Concello carballés dedicará 14,6 millóns de euros a pagar, por exemplo, consumos enerxéticos, mantemento da sinalización viaria, das praias ou dos xardíns, recollida de lixo, conservación da rede viaria, ciclo integral da auga, limpeza viaria ou dos colexios, etc...

Sobe tamén o gasto en persoal, chegando aos 10.377.942,30, ocupando o 32% do orzamento total.

Entre os investimentos que xa figuran na proposta económica destacan os destinados “a adquisición de terreos para despois poder acometer grandes infraestruturas”, entre elas, como indicou o alcalde, a apertura da rúa que enlazará o polígono de Bértoa coa estrada de Razo, a ampliación da rúa Emilio González López, a cidade deportiva da Lagoa ou a travesía da Pedra do Sal.

Máis información

Comentarios