Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O Pleno carballés terá que responder ante o incidente do Xefe da Policía Local

O Xefe da Policia Local xunto a Evencio Ferrero
O Xefe da Policia Local, Roberto Mosquera, xunto a Evencio Ferrero
O Pleno carballés terá que responder ante o incidente do Xefe da Policía Local

Este luns hai pleno no Concello de Carballo. E o Concelleiro Juan Seoane Collazo terá que enfrotarse, de novo, ás preguntas de Terra Galega. O edil Andrés Eirís, volverá presentar unha batería de preguntas sobre o incidente do Xefe da Policía Local de Carballo, Roberto Mosquera, cun empregado dunha entidade bancaria, sobre o que o concelleiro non tiña resposta no pleno do pasado día 7. De igual xeito, o Concelleiro lembrábanos a semana pasada que non ían facer declaracións sobre o asunto.

Un incidente que mesmo supuña a presentación dunha denuncia por un presunto abuso de autoridade e detención ilegal contra o Xefe policial, e posterior retirada da mesma, pero que para o voceiro da oposición non pode pasar inadvertido.

Eirís incidirá en “cal é a versión do goberno ante o asunto”, se “valora a posibilidade de adoptar medidas provisionais como a suspensión da xefatura”, e se vai abrirlle un expediente ao Xefe de Policía tan rápido como fixo cos dous traballadores que crearon a XESPOL.

Eirís critica abertamente a situación que mantén ao Xefe de Policía 7 anos no cargo tralo seu nomeamento “por libre designación”, e pediralle ao grupo de goberno que tome medidas por cousas como “o feito de que o goberno e o Xefe de Policía, ademais líder sindical, asinasen en marzo do ano pasado un Acordo Regulador que fixa un tope de cobro de horas extra que o Sr. Mosquera Martínez incumpre, incluso despois de asinar o documento”.

Os feitos

A historia remítese ao 3 de setembro, cando diante dunha céntrica oficina de Abanca en Carballo, tiña lugar un incidente con diferentes versións. Todo comezaba por unha longa cola que había ás portas da oficina (era día de Feira e moitos veciños pasaban por caixa), ante a cal o Xefe da Policía se quixo achegar para intentar conseguir unha solución, e recordar que había que darlle preferencia aos señores maiores. Mosquera avisou ao traballador que coordinaba as colas, e se dirixiu a el coa máscara baixada. O traballador pediulle que a subise, e a partir de aquí as versións difiren.

A denuncia presentada o día 8 nos Xulgados carballeses polo traballador (e retirada ao día seguinte, e que tamén recolle o ABC estes días) explica que o Xefe obrigouno a indentificarse mantendo os brazos en alto durante un bo rato (“y ahora te voy a tener media hora así con el carnet levantado y procura que non se te caiga”, ameazaría o Xefe da Policía diante dunha boa manchea de xente). Posteriormente o Xefe obrigaríao a acompañalo a comisaría cun “ahora te vienes conmigo a la comisaría”. “Me vi literalmente obligado a abandonar mi puesto de trabajo y tuve que acompañarlo, en contra de mi voluntad”, explica o traballador na denuncia.

A versión de Mosquera é distina: “pedinlle o nome para apuntar a incidencia, e o rapaz faime como na Falanje, levántame a man co carnet en alto. Cóllolle o carnet e me dou conta de que non é o DNI, é o carnet de conducir, polo que lle digo: Tes algún inconvinte para acompañarme á Policía Local para identificarte correctamente?, e viu de forma voluntaria sen ningún problema”.

Tivo que chegar un superior da oficina para que o traballador volvese ao seu posto de traballo.

Procesos

Se ben o traballador retirou a denuncia en menos de 24 horas (segundo a denuncia administrativa presentada por Alfredo Núñez Pereira, a retirada débese “a presións inimaxinables para min”, aseguraba o traballador), o procedemento xudicial continúa aberto, pois Fiscal e Xuíz continúan co caso. De feito, días despois a Garda Civil solicitou as gravacións das dependencias policiais e da oficina de Abanca, dende onde non quixeron facernos declaracións de ningún tipo.

Paralelamente, o Xefe da Policía Local presentaba onte un documento escrito a man asinado polo propio traballador afectado no que asegura que retirou a denuncia por “motivos extrictamente personales” e que “determinadas expresiones y conclusiones a las que llega D. Alfredo son falsas. Nadie me ha coaccionado para retirar la denuncia. D. Alfredo hace uso torticero y sin mi permiso de conversaciones privadas”, asegura o escrito.

O propio Alfredo Núñez Pereira, que axudara a redactar a denuncia no seu momento ao traballador, lamenta o seu cambio de parecer, pero avisa que “todas as declaracións entrecomilladas do meu escrito poderán ser acreditadas ante un xuíz”.

Novas relacionadas

Comentarios