O PP urxe ao goberno carballés a mediar na folga do lixo
- "Apoiamos as decisións que tome o alcalde para iso, pero ten que tomar algunha", asegura Rubén Lorenzo.

Faise cada vez máis patente a folga do lixo dos traballadores da UTE do servizo de recollida de lixo de Carballo.
O lixo acomúlase arredor dos contedores, e dende o Partido Popular carballés, o seu voceiro Rubén Lorenzo, urxe xa ao alcalde, Evencio Ferrero, a actuar ante a folga de recollida de lixo.
Os populares entenden que "a situación é o suficientemente grave para que o Goberno Municipal tome cartas no asunto", tendo en conta que, segundo Lorenzo, "os veciños de Carballo non poden padecer as consecuencias dun enfrontamento laboral entre empresa e traballadores".
“Apoiamos as decisións que tome para iso, pero ten que tomar algunha. Os barrios e as parroquias están a sufrir as consecuencias, co lixo sen recoller tirada pola rúa, contedores desbordados, mal cheiro…”, sinala Lorenzo, quen destaca que, ademais, Carballo está a dar mala imaxe nos meses de verán, cando hai máis turistas.
“Estamos a falar de saúde pública, dunha posible alerta sanitaria porque son os meses de verán, de calor”, alerta o popular, que sinalou que, en breve, e se sigue esta situación a presenza de ratas ao redor dos contedores será unha realidade.
Por todo iso, Lorenzo pide ao alcalde que medie entre traballadores e empresa para que cheguen a un acordo e que acabe esta folga canto antes, e lembra que os carballeses pagan o recibo de recollida de lixo e “merecen ter ese servicio garantido”.