Martes. 16.07.2024
El tiempo

O persoal da recollida do lixo de Carballo: "Non nos queda outra saída que continuar coa folga"

Juan Antonio Riveiro e  Martín Caamaño CIG-Folga_UTE_Carballo
Juan Antonio Riveiro e Martín Caamaño CIG-Folga_UTE_Carballo
O persoal da recollida do lixo de Carballo: "Non nos queda outra saída que continuar coa folga"

Despois da folga no San Xoán, os traballadores da recollida do lixo de Carballo volverán á folga nos meses de xullo, agosto e setembro en resposta ao "bloqueo na negociación do convenio colectivo e a negativa da empresa concesionaria (a UTE Carballo, integrada por Urbaser e Servizos Gallegos de Lacería) a retomar as reunións para avanzar nun acordo que dignifique os salarios e as condicións laborais".

Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa o secretario da Unión Local da CIG de Carballo, Martín Caamaño, e o delegado de persoal da UTE Carballo, Juan Antonio Rivero, despois da decisión da asemblea de persoal de convocar folga ininterrompida dende ás 22:30 horas do próximo domingo 7 de xullo, ás 15:00 horas do xoves 18 de xullo; e dende ás 22:30 horas do 11 de agosto, ás 15:00 horas do 22 de agosto.
Ademais, de non producírense avances substanciais durante tempo, a partir do 8 de setembro a folga adquirirá carácter indefinido.

Explican que as xornadas de folga afectarán a todas as quendas en todas as franxas horarias de prestación do servizo, tanto na recollida, no punto limpo e na canceira, como nas oficinas.

"Non nos queda outra saída que continuar coa folga", valoraba Caamaño, denunciando a ausencia de propostas alternativas por parte da empresa "que nin sequera se puxo en contacto coa representación do persoal para seguir coas xuntanzas, a pesar do seguimento total rexistrado nos catro días de folga previos".

Caamaño subliñou que "estamos falando dunha multinacional como Urbaser, con sede en Madrid, que no ano 2023 gañou 210 millóns euros, pero a que nada lle importa que un concello como o de Carballo se encha de lixo durante as festas, mentres os seus traballadores e traballadoras están con soldos de miseria e condicións precarias".

Todas as categorías no SMI

O responsábel da CIG de Carballo lembrou que todas as categorías da UTE Carballo están no SMI "e agora mesmo non hai diferenza entre o persoal condutor que está na quenda de día e o que está na quenda de noite ou entre un peón de día e un peón de noite".

Calquera destas catro categorías, reiterou, percibe o salario mínimo. Por iso, considerou que "este convenio ten que ser a punta para que a partir de agora os salarios escapen so SMI" e de aí que unha das reivindicacións á empresa sexa a introdución dunha cláusula que garanta  que as próximas revisións do SMI non absorberán determinados pluses que xa existen no convenio (como a nocturnidade ou a penosidade), "porque senón estas compañeiras e compañeiros estarán permanentemente condenados a cobrar o salario mínimo".

Outra das principais demandas refírese ao estabelecemento dun complemento de IT do 100% no caso das baixas por enfermidade profesional ou común, tendo en conta que se trata dun sector que soporta unha especial penosidade por traballar a quendas, ao aire libre e sometido a un altos índices de toxicidade.

Doutra banda, Caamaño confirmou que se presentou demanda de tutela contra a empresa por posible vulneración do dereito fundamental á folga ao nomear as mesmas persoas para a realización de todos os servizos mínimos durante a pasada xeira de paros. "Reclamamos que nas folgas que veñen se marquen uns mínimos rotativos entre todo o persoal para así garantir o exercicio efectivo deste dereito", indicou.

Finalmente, instou o Goberno municipal para que os servizos mínimos que se determinen "non sexan abusivos e respecten os dereitos dos traballadores e traballadoras". De igual xeito, pediu do Concello de Carballo, como responsábel do servizo, que emprace a empresa a "retomar as negociacións con verdadeira vontade negociadora e cunha proposta que permita chegar a un acordo que poña fin ao conflito".

Máis novas

Comentarios