Rivadulla Corcón presenta no Foro Espiral Maior o seu libro “Tankas da vida salgada”
12:16 10/02/22
Este venres, día 11 de febreiro, ás 19:30 h., terá lugar na sede de Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34, baixo) a presentación do libro de poemas “Tankas da vida salgada”, publicado pola Editorial Trifolium e obra do poeta, escritor e xornalista de televisión muxián X. H. Rivadulla Corcón.
Participarán no acto, ademais do autor, a profesora de Lingua e Literatura malpicá Emma Cruz Abella e o escritor e director de Espiral Maior Foro Miguel Anxo Fernán Vello.
Rivadulla Corcón, tamén dramaturgo, guionista e presentador de televisión, dirixe para a TVG programas documentais sobre a cultura mariñeira, entre os que destaca a serie documental “Salitre e vento”, na que se mostra a vida diaria dos traballadores do mar nos portos galegos.