A Rúa dos Contos inaugura hoxe a 33ª edición FIOT
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, estrea a súa 33ª edición nesta tarde xoves, 26 de setembro. Faino a través do humor, o gran protagonista do ciclo Rúa dos Contos, que neste 2024 celebra as súas vodas de prata tras 25 anos de traxectoria ás súas costas. Así, o ciclo de narración oral pioneiro en Galicia chega esta fin de semana ao Mercado Municipal e aos bares de Carballo da man das hilarantes propostas de Evaristo Calvo, Miki Dkai, Walter Velázquez, Federico Pérez, Jazmín Abuín e Leti da Taberna.
O Teatro de Rúa fará tamén a súa aparición no #FIOT33 na tarde de mañá venres, 27 de setembro, na Praza do Concello de Carballo, coas pezas para todos os públicos Cabicivai, de Pablísimo, a golpe de contos cheos de imaxinación, risas e sorpresas; e Lullaby, de Proyecto Kavauri, un espectáculo acrobático, con moito humor, saltos frenéticos e agarres.
Esta tarde, ás 20.30h, no Pazo da Cultura, terá lugar a inauguración da exposición Zoom FIOT 2023, da man dos/as fotógrafos/as que forman parte da mostra: de José L. Castro, José Manuel Pérez, Fernando Nieto, Kiko Rojo, Cris Becerra, Andrea Sánchez, Luz Vilas e Marcos Rodríguez; na inauguración participará, tamén, a Aula Municipal de Teatro de Carballo.
Deixamos coa axenda para esta finde, pero tamén podedes ir vendo o programa completo que o FIOT nos trae durante todo o mes de outubro.
AXENDA FIOT DA FINDE
XOVES 26 DE SETEMBRO
- Rescate emotivo, de Walter Velázquez (18.30h, Residencia de Maiores de Carballo) I RÚA DOS CONTOS
- Animación de rúa, con Walter Velázquez (20.00h, rúas de Carballo) I TEATRO DE RÚA
- Xa que o sabes, voucho contar (e cantar), de Federico Pérez (21.00h, Mesón do Pulpo) I RÚA DOS CONTOS
VENRES 27 DE SETEMBRO
- Cabicivai, de Pablísimo (18.30h, Praza do Concello) I TEATRO DE RÚA
- Lullaby, de Proyecto Kavauri (19.30h, Praza do Concello) I TEATRO DE RÚA
- Cagadas, de Cándido Pazó (21.00h, Valle Inclán Café) I RÚA DOS CONTOS
- A ver que pasa, de Evaristo Calvo (23.00h, Logradouro) I RÚA DOS CONTOS
SÁBADO 28 DE SETEMBRO
- Riquiña, de Jazmín Abuín (21.00h, Casino 1889) I RÚA DOS CONTOS
- Enredada, de Leti da Taberna (23.00h, A Estación) I RÚA DOS CONTOS
DOMINGO 29 DE SETEMBRO
- Sois maravillosos D.O. Cádiz, de Miki Dkai (20.00h, Mercado Municipal) I RÚA DOS CONTOS
Máis novas do FIOT