Xoves. 23.09.2021
El tiempo

Outro San Xoán diferente pola Costa da Morte

Cachela de San Xoan
Este ano non poderá haber cachelas de San Xoán en espazos públicos
Outro San Xoán diferente pola Costa da Morte

Non, non haberá cachelas en espazos públicos tampouco este San Xoán. Así o trasladaba estes días a FEGAMP aos Concellos galegos, unha vez que a Consellería de Sanidade só vai permitir facer cachelas en espazo privados e previa autorización, pero non en espazos públicos de xeito colectivo.

Á espera de confirmación desta normativa, Concellos como Carballo, Cabana ou Ponteceso xa están comezando a informar das medidas de seguridade que se desenvolverán no marco da pandemia, para evitar aglomeracións, e intentar ao mesmo tempo que non decaia a chispa dunha das nosas máis simbólicas festas.

É o caso carballés, que onte anunciaba a campaña “A Festa levámola dentro”, que se presentará oficialmente o vindeiro martes. Unha campaña de promoción de comercio local vinculada ao San Xoán, que levará aos medios, ás redes e a rúa unha potente imaxe. A iniciativa desenvolverase dende o 14 ata o 30 de xuño, facendo ademais que as compras que se realicen nos establecementos colaboradores terán recompensa. Os comercios que queiran participar deben inscribirse antes do venres cubrindo este formulario. As prazas son limitadas.

Ademais, e unha vez confirmadas que non haberá grandes verbenas, nin concursos… o Concello traballa na organización de pequenos actos culturais.

San Xoán e San Pedro en Cabana

O Concello cabanés informa de que a veciñanza terá que presentar unha Declaración responsable para facer cacharela nas súas casas para o San Xoán (dá 23) e San Pedro (día 28), deixando claro que non se poderán realizar en zonas de dominio público. O prazo para presentación será para a cachela de San Xoán: do 14 ó 21 de xuño de 2021, ambos incluídos. Para a cachela de San Pedro: do 14 ó 23 de xuño de 2021, ambos incluídos.
Poderá presentarse presencialmente nas oficinas ou telematicamente sede electrónica do concello achegando o modelo de declaración responsable publicado no taboleiro de anuncios da sede electrónica xunto co DNI do solicitante e a identificación precisa do lugar no que se vai a instalar a cachela (con polígono e parcela ou lugar e no de vivenda, etc).

Lembran ademais que as cachelas deberán efectuarse en zonas afastadas das masas forestais, e que os interesados tomarán as medidas de seguridade para evitar a propagación do lume. Matizan ademais que de producirse danos a terceiros, responderán dos mesmos os interesados-promotores das cacharelas.

San Xoán en Ponteceso

O Concello pontecesán tamén lembra que non está permitido facer cacharelas en lugares públicos, terreos forestais ou nas proximidades de masas arbóreas. As cacharelas non terán unha altura superior aos 2 metros nin máis de 6 de base. En caso de atopárense a menos de 400 metros do monte estas medidas reduciranse á metade: 1 metro de altura e 3 metros de base.

Lembran tamén que o número de asistentes non superará o que determine a normativa sanitaria de aplicación no momento da celebración da festa.

As persoas que desexen realizar unha cacharela deberán presentar a solicitude no Concello de Ponteceso, antes das 14.00 horas do día 23 de xuño de 2021, cumprimentando unha solicitude xeral e achegando o lugar, os medios de extinción dos que dispoñan, o número de persoas participantes estimado e unha declaración responsable ou persoa responsable.

San Xoán en Camariñas e Santa Comba

Outros concellos como os de Camariñas e Santa Comba tamén lembran a necesidade de solicitar permiso de cachela.

- Solicitude de cachela en Santa Comba.

- En Camariñas O prazo de presentación das solicitudes xa está aberto e rematará ás 14 horas do 21 de xuño. Aquelas persoas interesadas poden descargar os documentos na web e presentalos a través da sede electrónica ou de xeito presencial no Rexistro.

comentarios