Sábado. 18.05.2024
El tiempo

Solidariedade por deporte en Carballo

Solidariedade por deporte en Carballo
Cartel da campana solidaria entre 10 entidades deportivas de Carballo e a Cruz Vermella

Dez entidades deportivas de Carballo queren dar un exemplo de solidariedade este Nadal. Con ese obxectivo, hoxe, 28 de novembro, poñen en marcha unha campaña de recollida de xoguetes que a asamblea local da Cruz Vermella repartirá entre os nenos de familias con poucos recursos económicos. A iniciativa "Ningún neno sen xoguetes", que a Cruz Vermella promove a nivel estatal, chegou o ano pasado a 187 nenos, pero este ano poderían ser aínda máis, dado o aumento das necesidades entre a poboación.

Unha iniciativa na que participan Escola Basket Xiria, CB Artai, Escolas Balonmán Xiria, Volei Xiria, Escola Lubiáns, Club Ciclista Carballo, FC Bergantiños, Escolas Luis Calvo Sanz, Sysca e AD Fogar. Colabora o Concello de Carballo.

O deporte carballés quere poñer o seu gran de area para que todos os nenos de Carballo poidan celebrar o día de Reis, e por iso en todos os entrenamentos e partidos poñerán a disposición dos seus socios e do público en xeral contedores para que depositen os xoguetes.

Dende a Cruz Vermella solicitan, preferentemente, xoguetes novos ou en bo estado de uso. Pero non só fan falla os xoguetes, senón o material preciso para empaquetalos, un labor do que se encargarán os voluntarios da oenegué e, este ano tamén, voluntarios das entidades deportivas colaboradoras. Deste xeito, tamén se agradecen especialmente as doazóns de papel de regalo e todo tipo de material complementario para facer os paquetes.

A campaña desenvolverase ata o 22 de decembro, e a partir do día 15 as persoas que o desexen tamén poderán facer as súas achegas na base da Cruz Vermella, situada nas vivendas dos mestres, na rúa Vázquez de Parga de Carballo.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios