Sábado. 05.10.2024
El tiempo

Verdillo é con V

Feira de Verdillo
Os carteis municipais xa levan V
Verdillo é con V

Son moitos os topónimos do país perturbados polo franquismo que aínda herdamos. Hai casos famosos como Balarés, contra o que chegou a haber ata un festival chamado “V de Valarés” para intentar recuperar esa V.

Verdillo é un deses sobre os que parece que a sociedade xa tiña decidido a resposta. Malia que oficialmente estaba con B, o Concello carballés, o equipo de fútbol ou as asociacións xa utilizan dende hai anos o topónimo con V.

Unha tese que vén de aprobar a Real Academia Galega que, tras un completo estudo dos topónimos carballeses, vai propoñer á Xunta a utillización dese V.

Foi unha demanda que a propia veciñanza facía en 2018 a través dos Consellos Parroquiais, e este xoves se materializaba coa conclusión e a petición da RAG. Foi o académico zaseiro Xosé María Lema Suárez, o que se remontou á primeira metade do século XV na súa investigación para determinar a grafía correcta. “Na Idade Media o uso de b/v adoita ser etimolóxico, ata que a finais da Idade Media desapareceu a diferenza fonolóxica entre eses dous sons” e os topónimos empezan a aparecer coas dúas grafías indistintamente. “A grafía de b ou v só é indicativa do étimo se aparece consistentemente na Idade Media”, din os expertos, e deste xeito estaría xustificada a forma Verdillo.
Din os académicos, sen embargo, que a asociación do topónimo coa palabra verde non está demostrada, “dado que non é clara a orixe lingüística da última parte da palabra, presente noutros topónimos escuros como Arillo ou Perillo”.

Agora, para oficializar o cambio, a Xunta terá que aceptar esta proposta académica e incluíla no no Nomenclátor de Galicia.

Novas relacionadas

Comentarios