Mércores. 09.10.2024
El tiempo

O significado dos nomes dos 19 concellos da Costa da Morte segundo a RAG

Libro sobre os toponimos da provincia da Coruna
O significado dos nomes dos 19 concellos da Costa da Morte segundo a RAG
A Real Academia Galega vén de recoller nun libro a orixe e o significado dos nomes dos 93 concellos da Coruña. O académico correspondente Gonzalo Navaza asina ‘Os nomes dos concellos da provincia da Coruña’, un volume divulgativo dispoñible en versión dixital en academia.gal.

O autor destaca casos como o de Carballo, cuio topónimo “bebe do léxico común”, neste caso de orixe prerromana que sobreviviu en galego e que está presente no nome de máis de catrocentas entidades de poboación en toda Galicia.

Se ben a orixe de boa parte dos nosos nomes seguen a ser unha incógnita, hai moitas hipóteses ao seu redor, como no caso de Dumbría, que pode provir de antes da romanización.

Aquí recollemos os 19 casos que cubrirmos en QPC:

Cabana de Bergantiños

O termo municipal, creado en 1836, agrupou parroquias que no Antigo Réxime pertence- ran ás xurisdicións de Soneira, Penela, Mens e Vimianzo, da provincia de Santiago. Recibiu o nome do da localidade (Cabana, parroquia de Cesullas) onde se situou no século XIX a primeira casa consistorial. Na actualidade a capital é A Carballa, na mesma parroquia de Cesullas.

No censo e nomenclátor de 1842, o concello figuraba co nome de “Cabana o Cesullas”; desde a década de 1850 pasou a ser Cabana. Nos nomenclátores do presente século xa incorpora a referencia á comarca no topónimo composto Cabana de Bergantiños. Cabana é unha palabra do léxico común galego (tamén portugués cabana e español cabaña) de orixe prerromana, presente no latín hispánico coa forma capanna, que designa un tipo de construción máis modesta ca unha casa. É relativamente frecuente na toponimia de Galicia. O plural Cabanas dá nome a outro concello da provincia da Coruña.

O nome da parroquia de Cesullas, para o cal se ten suxerido unha etimoloxía relacionada co segundo elemento do topónimo Ponteceso, rexístrase por escrito desde o século XII: ecclessiam de Cesulles, ano 1178; ecclesiam de Cesulles, 1189; ecclesie de Cesullas, 1201. Bergantiños é o nome do territorio; admítese que é un xentilicio brigantīnos, formado a partir de Brigantia ou Brigantium, o nome antigo da Coruña

 

Camariñas

O termo municipal, creado en 1836, reuniu parroquias que no Antigo Réxime pertenceran á xurisdición de Vimianzo e ao couto de Xaviña, na provincia de Santiago. Recibiu o nome do lugar e parroquia onde se estableceu a Casa do Concello.

Aínda que coñecemos atestacións escritas dos nomes de localidades de Camariñas desde o século X (Anarou, ano 932; Sancta Marina de Tosto, 1180; Javinia, 1220 etc.), o topónimo Camariñas rexístrase tardiamente (en Nemancos, sant Jurjo, 1423) ou como San Xurxo de Buría (sancti Georgii de Voria, 1369, san Jurjo de Vuría, 1522; san Jorge de Buría, 1607). Esta denominación segue sendo usual aínda no século xviii (no Catastro de Ensenada: San Jurjo de Buría). Hoxe Buría é o nome dun dos lugares da parroquia de Camariñas. Ata 1955 a parroquia foi un enclave do bispado de Mondoñedo en terra de Nemancos.

Desde o padre Sarmiento, no século xviii, vénse admitindo tradicionalmente que o topónimo caramiña ou Corema album), propia dos areais do litoral atlántico, a mesma especie vexetal presente no se- gundo elemento do nome da Pobra do Caramiñal. Con todo, a existencia de topónimos idénticos en terras do interior, onde é improbable a presenza desa planta (unha aldea chamada A Camariña en Adelán, Alfoz, Lugo), e variantes ou derivados coma os asturianos Cámaras, Camarín, Camarina, Camarón… obrigan a non descartar a posibilidade de que o nome de Camariñas conteña un derivado diminutivo de cámara ou cámera, termo de orixe latina que designaba unha edificación ou construción, especialmente unha construción abovedada.

 

Carballo

O termo municipal, creado en 1836, reuniu parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Bergantiños, Caión, Carballo, Bértoa, Erboedo, Ardaña e Rus, da provincia da Coruña. Recibiu o nome da parroquia onde se estableceu a casa consistorial.

O nome de Carballo é un termo común que designa unha árbore (Quercus robur) frecuente na nosa flora. É unha palabra de orixe prerromana que sobreviviu no galego. Ten moita presenza na nosa toponimia; o Nomenclátor de Galicia recolle máis de catrocentas entidades de poboación que levan no seu nome o substantivocarballo ou un derivado.

Nos rexistros escritos máis antigos que coñecemos do topónimo, de comezos do século XV, o nome da parroquia leva en ocasións artigo (do Carballo) que deixa de rexistrarse a partir do XVII: igreia de sam Iohán de Carvallo, 1419; meadade do señorío do couto et eglleia de sant Iohám de Carvallo, 1419; couto et señorío de Sant Iohán de Carvallo, 1419; San Juan do Carballo, 1578; feligresía de sant Juan do Carballo 1585; coto y juris- dición de San Juan do Carballo, 1590; San Juan de Carballo, 1607.

 

Carnota

No Antigo Réxime, as actuais freguesías do concello de Carnota repartíanse entre as xuris- dicións de Muros e Corcubión, da provincia de Santiago. No proxecto orixinal de división en concellos, derivado do Real Decreto de 23- 07-1835, incluíanse no termo municipal de Muros, mais finalmente segregouse a parte occidental do territorio e creouse en 1836 un novo concello coas parroquias de Carnota, San Mamede, Lariño, Lira e O Pindo.

Na actualidade Carnota dá nome ao concello e a dúas parroquias (San Mamede de Carnota e Carnota, Santa Comba). Na Idade Media tamén designaba o territorio. Coñécense rexistros escritos do topónimo desde o século IX: in Carnota, ano 830; Nemancos, Celticos et Carnota, 915; in Carnota Taviro et Curis, 934; piscarias de Carinota, 938; in territorio Carnota in littore maris, 1030; in terra de Carnota porcionem ecclesie sancti Mametis, 1136.

Carnota é topónimo de orixe prerromana, formado a partir dun radical carn-, un dos derivados da raíz *car- ou *kar- ‘pedra, lugar pedregoso’. Tense suxerido que puido ser o nome antigo ou alternativo do monte Pindo. En Portugal hai unha parroquia chamada igualmente Carnota no municipio de Alenquer.

 

Cee

O termo municipal de Cee, constituído a raíz do Real Decreto de 23-07-1835, reuniu pa- rroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Cee e Corcubión e tomou o seu nome da vila e parroquia de Cee, unha das dezasete vilas con que contaba a provincia de Santiago.

Desde finais da Idade Media documéntase este topónimo coa forma actual: Maria Eanes de Cêê, 1385; porto de Çee, 1466... Nos rexis- tros máis antigos que se coñecen, do século xii, aparece en latín con -a final: villas de Ceia in Nemancis et de Oca in Bragantinis, ano 1178; vilas de Ceeya in Nemancos et de Oca in Bregantinos, 1199.

A orixe e significado do topónimo seguen a ser controvertidos e suscitaron variadas hipóteses etimolóxicas. Hoxe parece fóra de dúbida a orixe prerromana. As formas medievais permiten identificalo con outros Cea de Galicia (Cea en Ourense, rexistrado como rivulo Ceia, 1195; Ceya, 1239) e de fóra dela (o río Cea leonés: Ceia, 916; ribulo Zeiia, 947; rivo Ceya 1225), de orixe prerromana e significado hidronímico. É probable que Cee fose inicialmente o nome do chamado hoxe Río de Cee, que atravesa a vila.

 

Corcubión

Corcubión constituía no Antigo Réxime unha extensa xurisdición de vinte parroquias, do señorío da casa de Altamira, na provincia de Santiago. Cando se crearon os concellos, a raíz do Real Decreto de 23-07-1835, o de Corcubión pasou a contar coa parroquia e vila do mesmo nome e mais a veciña de Redonda; o resto da antiga xurisdición integrouse nos termos municipais veciños. No Antigo Réxime, Corbubión era unha das dezasete vilas da provincia de Santiago.

Os rexistros escritos do topónimo que se coñecen son relativamente tardíos: Corqoveom, ano 1334; Corcuvion, 1496; Corcubion, puerto de Corcubión, 1527; villa de Corcuvion, 1568; villa de Corcubion, 1570. Corcubión é un topónimo de orixe e significado escuros ou controvertidos. Non ten paralelos na toponimia de Galicia nin na doutras áreas. Téñense proposto diferentes hipóteses etimolóxicas: unhas relaciónano co termo común corcova e o adxectivo corvo, curvo, de orixe latina; outras supóñenlle orixe prerromana, sexa da raíz *car- ou *kar- ‘pedra’, sexa doutra raíz indoeuropea *(s)ker ‘curvar, virar, xirar’.

 

Coristanco

O concello de Coristanco, nacido en 1836 coa aplicación do Real Decreto de 23-07-1835, agrupou no seu termo municipal parroquias procedentes das xurisdicións de Mens, Nogueira, Seavia, Xallas e Xaviña, pertencentes á provincia de Santiago, e das de Bergantiños e Ardaña, pertencentes á provincia da Coruña.

Coma noutros municipios rurais que tomaron o seu nome do da parroquia onde se instalou a casa consistorial, a denominación do concello non coincide coa de ningún núcleo de poboación. O consistorio estivo desde o século xix ata a década de 1960 no lugar da Furoca, parroquia de Coristanco; na actualidade está en San Roque, parroquia de Traba.

Os rexistros escritos máis antigos que coñecemos do topónimo datan do século XIV: Curistanquo, 1352; san Payo de Cuiçanquo (?), século XV; san Payo de Curistanco, 1570; san Paio de Coristanco, 1570.

Coristanco é topónimo de orixe e significado descoñecidos. Parece haber unanimidade en consideralo prerromano, especialmente pola presenza do segundo elemento ou sufixo -anco, considerado céltico. A primeira parte do topónimo é escura; podería ser unha raíz igualmente prerromana, pero tamén podería conter unha alteración do substantivo común castro.

 

Dumbría

O termo municipal de Dumbría creouse en 1836 con parroquias que no Antigo Réxime pertenceran á xurisdición de Corcubión e aos coutos de Berdeogas, de Moraime e de Buxan- tes, todos eles da provincia de Santiago. Recibiu a súa denominación do lugar e parroquia que acolleron a casa consistorial.

O topónimo rexístrase por escrito desde o século IV: sancta Eolalia in Donobria, ano 868; in terra de Doonvria sub aula sancte Eolalie, século XII; friigresia de Donvria, 1380; santa Vaya Donbria, 1384; Gomes de Donbria, freguesia de Donbría, 1446; santa Baya de Dombría, 1568.

Dumbría é topónimo de orixe prerromana e de etimoloxía controvertida ou descoñecida. Algúns autores supuxérono un composto co coñecido celtismo briga ‘castro, recinto amurallado’, pero estudos posteriores rexeitaron esa explicación porque non se axusta á evolución fonética regular nin aos rexistros medievais. Outra hipótese supón un étimo tamén céltico *dono-bría, que faría referencia á vexetación.

Fisterra

O termo municipal, creado a raíz do Real Decreto de 23-07-1835, mantivo o territorio que no Antigo Réxime constituía a xurisdi- ción de Fisterra. Debe o seu nome á vila de Fisterra, unha das dezasete vilas da antiga provincia de Santiago. O nome obedece á súa condición de extremo occidental da terra co- ñecida na Antigüidade.

O topónimo rexístrase desde a Idade Media: Finis Terra, 1243; Sancte Marie de Finibus Terra, 1249; Sancte Marie de Finibus Terre, 1263; Santa Maria de Fiistirra, 1334; Gomes de Fiisterra, 1382; villam de Finibusterre, 1384; santa Maria de Fiisterra, 1433; Afonso de Finsterra, 1448, Sancta Maria de Finisterre, 1607; de Finistera, 1607.

As atestacións medievais mostran que o substantivo inicial do nome, en contra do comunmente admitido, correspondía a un plural fines (Fines terrae ‘os confíns da terra’) e non ao singular finis ‘a fin’.

 

A Laracha

O termo municipal, creado a raíz do real Decreto de 23-07-1835, reuniu parroquias per- tencentes no Antigo Réxime ás xurisdicións de Bergantiños, Erboedo, Caión, Montemaior e Soandres, da provincia da Coruña. Tomou o seu nome do do lugar onde se estableceu a casa consistorial: A Laracha, na parroquia de Torás.

Hai referencia documental doutros lugares do concello desde a época medieval: do mosteiro bieito de Soandres (Subandres, ano 990; Suandres, 1138; Solandres, 1154; Soandres, 1231), de Coiro (sancto Iuliano de Corio, ano 787), de Caión (Caion, 1284; Cayon, 1344), de Erboedo (Afonso d’Erboedo, 1471), de Lendo (Leedo, 1228) etc. Da localidade que deu nome ao municipio só dispoñemos de referencias tardías. Consta como núcleo habitado no Catastro de Ensenada (1752: lugar da Laracha). Probablemente conviviron na fala as variantes Larache / Laracha, pois na circular do Boletín Oficial da provincia, onde se prescribe o xeito de formárense os concellos das poboacións rurais en abril de 1836, lemos “lugar de Larache, camino real del puente Lubián, parroquia de Sta. María de Torás”.

Os autores que se ocuparon do topónimo A Laracha relaciónano con outros como Laraxe (Laragia no século XI), Laraño, Larazo etc., supóñeno orixinado na mesma raíz prerromana que o substantivo común leira e atribúenlle un étimo céltico *(p)lara- ‘chan, chaira, planicie’. Así e todo, en tanto non dispoñamos de nova información documen- tal, debemos aceptar a posibilidade de que sexa un topónimo de creación tardía, acaso eco do Larache marroquí (Al-‘Araish), importante porto dos “piratas berberiscos” que asolaron as costas galegas a comezos do século xvii. É verosímil que algúns veciños da parroquia de Torás formasen parte do destacamento militar hispano-portugués que ocupou a cidade de Larache en tempos de Filipe III (pertenceu a España entre 1610 e 1689 co nome de San Antonio de Alarache), coma un tal Pedro Varela de Leboriz, natural de Torás, que serviu en campañas bélicas en substitución de Alberte Rodríguez, veciño de Santiago de Vilaño, e deixou no seu testamento, en 1659, unha manda para a redención de cativos (AHUS, H.R. Testamentos, 17).

 

Laxe

O concello de Laxe creouse en 1836 con cinco parroquias, pertencentes no Antigo Réxime á extensa xurisdición de Vimianzo. Tomou o seu nome da vila e parroquia de Laxe.

Dispoñemos de atestacións medievais dos nomes das distintas parroquias do termo municipal: Trava, 789; Trava, 1098; terra de Traba, 1119; ecclesia sancti simonis de Trava [Nande], 1187; ygrega de Trava, 1289; Sarantes, 1228; Soestum, 1228; sancti Mametis de Sarzes, 1291 etc. As referencias á vila e porto de Laxe son posteriores (Lage, 1442; villa de Lage, 1482; puerto de Lage, 1490, 1520). A finais do século xvi (1574), a igrexa da vila, Santa María da Atalaia, era anexo da de Santa María de Serantes.

O topónimo contén o substantivo común laxe, laxa, de orixe prerromana, poblablemente céltica (en latín medieval lagĕna), que os dicionarios definen como “pena de grandes dimensións e de superficie lisa, que aflora nun terreo sen sobresaír del”.

 

Malpica de Bergantiños

O termo municipal de Malpica creouse en 1836 con parroquias pertencentes no Antigo Réxime ás xurisdicións de Malpica, Mens e Leiloio, da provincia de Santiago. Malpica era unha das dezasete vilas con que contaba esa provincia. O concello recibiu inicialmente o nome simple de Malpica e esa foi a denominación oficial ata o ano 1916, en que un decreto destinado a evitar a homonimia nos municipios españois oficia- lizou o composto Malpica de Bergantiños, e así figura nos nomenclátores desde o de 1920.

Malpica é tamén nome dun lugar en Friol, Lugo, e houbo outro en Chantada (casal de Malpica, 1415, 1420). O topónimo repítese fóra de Galicia en Malpica de Arba en Zaragoza, Malpica ou Malpica de Tajo en Toledo, Malpica en Nájera, Logroño, Malpica en Mieres, Oviedo...; e en Portugal Malpica do Tejo (Castelo Branco) e Malpique (Caria, Belmonte).

Outras parroquias do concello rexístranse polo menos desde o século xi: villa Varizo in ora maris, 1019; Meens, 1154; Leilolio, Leiloyo, 1178; Bunio, 1247... As atestacións de Malpica son relativamente tardías: Malpica, 1385; Malpica, 1390; Malpiqua…, ena villa de Malpiqua, 1391; Malpica, 1397 etc. na colección documental do mosteiro de Santiago de Mens (Meens, 1154). Antes do século xvi a vila cambiou varias veces de señor (o arcebispo, o rei, o conde de Altamira).

Vénse aceptando comunmente que Malpica é topónimo prerromano, composto cun primeiro elemento mal- ‘rocha, pico, desnivel’, e emparentado con outros topónimos gale- gos como Malante (nome dunha das Sisargas), Maluro, Mallón etc. En tanto non se dispo- ña de rexistros escritos anteriores aos coñecidos, non podemos descartar a posibilidade de que o topónimo fose imposición señorial medieval, acaso como eco da Malpica de Nájera, Logroño, topónimo caracterizado polas súas connotacións xacobeas.

 

Mazaricos

O termo municipal de Mazaricos constituíse en 1836 con parroquias pertencentes ás antigas xurisdicións de Muros e da Serra, da provincia de Santiago. Tomou o seu nome do da parroquia onde se instalou a Casa do Concello. A capital é A Picota, na parroquia de Mazaricos.

Os rexistros máis antigos que coñecemos do topónimo son da segunda metade do século XIII e en latín: Sancte Eugenie de Maracicos, 1271; Sancte Eugenie de Maraciquos, 1271; Sancte Eugenie de Maracicos, 1271. En galego documéntase no século XIV: Sancta Ougea dos Maraciquos, 1390.

No século XII a parroquia aparecía mencionada simplemente coa advocación (in Sancta Eugenia, 1140). Décadas antes do seu uso como topónimo, Maracico documéntase na zona como sobrenome dunha estirpe de señores locais: Munio Didaci dictus Maraciquo, Fernandus Didaci dictus Maracicus, 1219.

O topónimo ten orixe, pois, nun sobrenome familiar, e este no zoónimo maracico e mazarico, nome de varias aves do xénero Numenius, de patas e peteiro longos. No seu uso como topónimo, a alteración silábica (Maracicos > Mazaricos) e o cambio da primitiva advocación de Santa Uxía pola actual de San Xoán deberon producirse no século XV, pois en 1500 é Sant Juan de Maçaricos.

 

Mazaricos

O termo municipal de Mazaricos constituíse en 1836 con parroquias pertencentes ás antigas xurisdicións de Muros e da Serra, da provincia de Santiago. Tomou o seu nome do da parroquia onde se instalou a Casa do Concello. A capital é A Picota, na parroquia de Mazaricos.

Os rexistros máis antigos que coñecemos do topónimo son da segunda metade do século XIII e en latín: Sancte Eugenie de Maracicos, 1271; Sancte Eugenie de Maraciquos, 1271; Sancte Eugenie de Maracicos, 1271. En galego documéntase no século XIV: Sancta Ougea dos Maraciquos, 1390.

No século XII a parroquia aparecía mencionada simplemente coa advocación (in Sancta Eugenia, 1140). Décadas antes do seu uso como topónimo, Maracico documéntase na zona como sobrenome dunha estirpe de señores locais: Munio Didaci dictus Maraciquo, Fernandus Didaci dictus Maracicus, 1219.

O topónimo ten orixe, pois, nun sobrenome familiar, e este no zoónimo maracico e mazarico, nome de varias aves do xénero Numenius, de patas e peteiro longos. No seu uso como topónimo, a alteración silábica (Maracicos > Mazaricos) e o cambio da primitiva advocación de Santa Uxía pola actual de San Xoán deberon producirse no século XV, pois en 1500 é Sant Juan de Maçaricos.

 

Muros

Muros contaba con longa tradición municipal cando se constituíu o actual concello, no século XIX. No Antigo Réxime era unha das dezasete vilas da provincia de Santiago e cabeza de xurisdición. Desde finais do século XIII exercera señorío nela o arcebispo de Santiago e previamente fora poboación reguenga. Das oito parroquias do termo municipal actual, sete pertenceran á extensa xurisdición de Muros e unha (Serres) á de Corcubión.

Na documentación máis antiga, o topónimo rexístrase sempre en singular: sancti Petri de Muro et sancti Michaelis de Cistau [Sestaio], 1158. En 1286, a vila recibiu carta foral do rei Sancho IV, quen instituíu a Pobra de Muro. Os rexistros co plural Muros, que acabou impoñéndose, só comezan a asomar no século XV: enna villa de Muro et en seu alfoz, 1316; Fernán Eanes juýz de Muro, 1345; enna plaça da dita villa de Muro, 1399; conçellos das vilas de Noya e Muro e Pontevedra e Padrón, 1418; Pontevedra e Padrón e Noya e Muros, 1418; conçello de villa de Muro, 1433; Gomes Afonso, notario da vila de Muro, 1434.

O topónimo contén o substantivo común muro, latín mūru, posiblemente en referencia á construción portuaria ou defensiva da vila.

 

Muxía

O termo municipal de Muxía, creado a raíz do Real Decreto de 23-07-1835, constituírono catorce parroquias que no Antigo Réxime pertenceran aos coutos e xurisdicións de Muxía, de Ozón e Baíñas, de Moraime e Buxantes, de Corcubión e de Vimianzo. Tomou o seu nome do da vila capital do concello, unha das dezasete vilas da antiga provincia de Santiago.

A etimoloxía máis difundida do topónimo Muxía faino derivar de monxe (< do francés monge ‘frade’) e supón que viría motivado polo dominio dos frades de Moraime sobre o porto e a vila na Idade Media. Esta explicación ten séculos de antigüidade, pois xa se le nas Memorias del Arzobispado de Santiago (1607) de Jerónimo del Hoyo, onde se di de Muxía:
Tiene sesenta feligreses, y solía tener más de ducientos y era entonces de los frailes de Moirame que son benitos, y dellos se llamava esta villa Monxia y corruto el bocablo se llama Muxía.

Os rexistros medievais do topónimo coñecidos son relativamente tardíos: Portum de Mogia, século XIII; santa Maria de Mugia, 1334; Afonso de Mogia, 1399; vila de Mugia, 1421; Mogia, 1483; Mugia, 1483; Mogia, 1493. Só a partir de finais do século XV rexistramos na escrita algún vestixio da consoante nasal do suposto étimo (Mongia, 1493; Mungia 1627...), razón pola cal non podemos descartar a posibilidade de que a relación con monxe sexa só unha etimoloxía erudita e o topónimo teña outra orixe, quizais prerromana.

 

Ponteceso

O termo municipal, constituído a raíz do Real Decreto de 23-07-1835, reuniu parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións bergantiñás de Almerezo, Anllóns, Malpica e Mens, e aos coutos de Penela e de Xornes, este último un dos enclaves do bispado de Mondoñedo na provincia de Santiago. O concello recibiu inicialmente o nome de Bugalleira, polo nome do lugar da parroquia de Tella que albergou a primeira casa consistorial. Mantivo esa denominación ata o censo de 1877, onde consta como Puente Ceso.

Na colección documental do mosteiro de Almerezo e noutras fontes medievais dis- poñemos de rexistros dos topónimos da zona, entre eles o nome da parroquia de Cospindo, onde se localiza o núcleo de Ponteceso, atestada en latín como Curispineto, 1175; Currispindo, século XII; Crospijndo, 1390... Pode ser un composto de curro seguido do fitónimo correspondente ao latín spinētu ‘espiñedo’.

O segundo elemento do composto Ponteceso é escuro ou controvertido. Só coñecemos unha atestación medieval, na documentación do mosteiro de Sobrado: per mediam venam fluminis de Decesso et per iuncale de Telia, 1175. Ese fluminis de Decesso era un nome alternativo do río Anllóns na zona. Por esa cita entendemos que o topónimo Ponteceso tiña en orixe unha preposición entre os dous elementos, o que contradí a hipótese etimolóxica tradicional que interpretaba -ceso como o participio do verbo latino caedo ‘cortar, partir, romper’, aplicado á ponte (malia non presentar o esperable xénero feminino), e que o relacionaba con outros topónimos galegos como Cesures, Cesuras.

Tamén se ten suxerido que -ceso podía ser continuador do latín cēnsu ‘censo, tributo’. Non se pode descartar a posibilidade de que -ceso conteña un termo de orixe prerromana, quizais o mesmo do nome da veciña parroquia de Cesullas.

 

Santa Comba

Da extensa xurisdición de Xallas do Antigo Réxime, a maior parte das parroquias formaron en 1836 o termo municipal de Santa Comba, que incorporou tamén a parroquia de Fontecada, que pertencera á xurisdición de Muros. Outras parroquias historicamente xalleiras pasaron a integrar os concellos veciños da Baña, Carballo, Coristanco, Tordoia e Zas. O concello tomou o nome da parroquia que albergou o consistorio. A sede da casa consistorial é o lugar de Santa Cataliña de Armada, na actualidade fusionado co núcleo urbano de Santa Comba.

Ademais de pola denominación Xallas, onde o nome milenario do río serviu para denominar a comarca, o territorio do actual termo municipal tamén foi coñecido como Céltigos (< celtĭcos, continuación dos celtici supertamarci das fontes clásicas), forma que sobreviviu na administración eclesiástica como nome de arciprestado. Na documentación medieval, o nome de Santa Comba vai en ocasións acompañado do determinante “de Xallas” ou “de Céltigos” para maior precisión: Santa Coomba de Celtigos, 1346; Santa Coomba, 1380; Santa Conba de Jallas, 1409; San Pedro de Santa Coonba, 1409; Santa Coomba de Celtigos, 1436; ecclesie sancti Petri de Sancta Columba, 1441; sancti Petri de sancta Coomba de Jallas, 1492.

Santa Comba é o resultado galego do latín Sancta Columba, nome dunha mártir cristiá da Galia. É un nome formado a partir do substantivo común columba ‘pomba’. Santa Comba é unha das advocacións parroquiais primitivas; o seu culto en Galicia está testemuñado desde polo menos o século VII. Na actualidade está presente no nome de dezaseis parroquias galegas.

 

Vimianzo

As máis das parroquias que no Antigo Réxime pertenceran á extensa xurisdición de Vimianzo, da provincia de Santiago, incorporáronse en 1836 aos concellos veciños de Camariñas, Laxe, Muxía e Zas. As restantes, xunto con parte do antigo Couto de Ozón e Baíñas, integraron o termo municipal de Vimianzo. O nome do concello coincide co da capital e a súa parroquia.

Nos rexistros históricos, o topónimo non só designaba a parroquia senón tamén a comarca; no Cronicón Iriense (século XI) figura Vimiantium como un dos territorios da antiga diocese de Iria (Vimiantium, Selagiam, Bregantinos…) no mesmo contexto en que outros documentos rexistran Soneira (Sonariam, Salagiam, Bregantinos…). Desde as atestacións máis antigas aparece con forma similar á actual: In seminaria, sanctum Saturninum in Vimianço, 830; in Vimianço, 1166; casas fortes de Pennafiel et de Vimianço, 1384; Vimjanço, 1460; sant Viçenço de Bymianço, 1500; San Vicenço de Vimianço, 1607. Existe outra parroquia do mesmo nome no concello de Santiso, igualmente documentada desde a Idade Media: per Vimianzum, 1185; sancta Maria de Bimianço, 1416.

Vimianzo é un topónimo de orixe controvertida. A hipótese etimolóxica máis aceptada relaciónao co latín vīmĭne ‘vimbio’ (Salix viminalis) e supón un étimo *uīmĭnācĕu, que faría referencia á presenza ou abundancia desa clase de salgueiros no lugar. Non se pode descartar unha orixe prerromana de todo o topónimo (acaso tamén cun significado relativo aos vimbios) ou simplemente do sufixo. Viminacium foi o nome dun importante campamento romano nos Balcáns e en Hispania tamén se chamou Viminacium unha cidade dos célticos vacceos preto da actual Palencia.

 

Zas

O termo municipal, creado en 1836, reuniu parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Soneira, de Vimianzo, de Xallas e do Couto do Allo, na provincia de Santiago. Recibiu o seu nome do lugar e parroquia sede da casa consistorial.

Aínda que a denominación oficial do concello sempre foi Zas, no século xx tivo certo uso un composto Zas de Carreira, por referencia á parroquia dese nome. En Galicia reciben o mesmo nome de Zas dúas parroquias, unha en Negreira e outra (Zas de Rei) en Melide.

O nome da parroquia melidense de Zas de Rei (San Xiao) rexístrase en latín medieval como Salas e Saas (in Avianquos prope Sancti Iuliani de Saas de Rege, 1177; sancto Iuliano de Salas regis, 1225), o que permite identificar nel o plural do xermanismo sala ‘edificación’, con presencia na toponimia coas formas e Saa. A etimoloxía dese Zas da terra de Abeancos aplicouse tamén aos outros dous Zas galegos, mais a documentación medieval demostra que non poden ter esa orixe. O de Barcala atéstase en latín como San Mameto de Saz en 1208. Esa mesma forma é a que aparece nos rexistros máis antigos relativos ao Zas de Soneira: Johannes Petri de Saz, 1207; Afonsus Iohannis de Saz, 1230; Fernandus de Saz, 1245; Johan Gonçalvez de Saz, 1334; Sancte Andree de Saz, Sancti Andre de Saz, 1390.

Á vista dos testemuños documentais, o topónimo Zas é continuación dun Saz medieval, ao cal se lle atribúe orixe no latín salĭce ‘salgueiro’. No século xviii un párroco de Zas, acaso coñecedor da documentación antiga, escribe ou castelaniza como Sauce o nome da parroquia.

 

Outras novas sobre toponimia

Comentarios