Venres. 19.04.2024
El tiempo

Xunta e Concello de Carballo unen camiños para facer un novo Centro de Saúde

A Coruña
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reunirase co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Na xuntanza estará acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor.
24/11/2021
Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuniuse co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Na xuntanza estará acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor. Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña
Xunta e Concello de Carballo unen camiños para facer un novo Centro de Saúde

Semella que se viviron dúas reunións a teor do que contan as notas de prensa do Concello de Carballo e do Sergas. Onte mantíñase unha importante reunión entre as dúas administracións para avaliar a necesaria reforma do saturado Centro de Saúde de Carballo. E se ben os dous entes coinciden en que hai que facer algo, semella que hai diferencias en como abordalo cambio.

Dende o Concello insisten na necesidade de construción dun novo edificio, e aseguran que onte a Xunta admitiu esa necesidade e desbota a idea da reforma integral para convertilo edificio nun Centro Integral de Saúde (CIS). Porén, a nota da Xunta asegura que se deron pasos para “incrementar en 1.820 m2 a edificabilidade do actual centro de saúde de Carballo e proceder á reforma e ampliación do mesmo”.

Máis categórico é o Concello carballés, que ademais de confirmar “toda a colaboración no marco dunha necesaria lealdade institucional”, ofreceu á Xunta 2 alternativas sacadas dun informe realizado polo arquitecto municipal, Alfredo Garrote, unha vez que a reforma quedaría desbotada pola “paralización” que suporían as obras.

Carballo propón a “Construción dun novo edificio nunha parcela anexa”, que habería que comprar dado que é privada, e que podería levar arredor de dous anos. Ou a “Construción dun novo edificio nunha parcela municipal”, situada na rúa María Barbeito, cunha superficie de 5.333 metros cadrados, e que podería ser aprobada no seguinte pleno.

As entidades quedaron en seguir traballando Así, a alternativa formulada pola Xunta escolle Carballo como cabeceira para este CIS de vocación comarcal e baséase nun plan funcional que prevé non só o incremento das consultas de adultos, pediatría, docencia, saúde mental ou PAC, senón, tamén, ampliar a área de fisioterapia, mellorar a funcionalidade da de radioloxía, crear unha área integral da muller con consulta de rehabilitación do solo pélvico, albergar consultas especializadas de reumatoloxía, oftalmoloxía ou cirurxía xeral e dixestiva e, de xeito especialmente sinalado pola necesidade de espazo que leva aparellada, a creación dunha área integral de hemodiálise con 25 postos, que evitará desprazamentos de pacientes ao hospital. Asemade, o conselleiro destacou que o proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2022 contempla, dentro da partida de 4,2 millóns de euros destinada a reformas e melloras de centros de saúde, unha reserva de 600.000 euros para acometer a primeira anualidade desta infraestrutura, licitando o proxecto e iniciando a obra desta ampliación e transformación en CIS do centro carballés.

Novas relacionadas

Comentarios