A arqueoloxía toma os bares en Carnota
Está a invadilo todo. A febre arqueolóxica destapada arredor do Proxecto dos Mouros en Carnota chega xa ata os bares. Así, destacados especialistas da arqueoloxía e da divulgación en Galicia daranse cita no mes de xullo en Carnota nunha experiencia de divulgación cultural para todos os públicos incluída no proxecto arqueolóxico Torre dos Mouros.
A través de conferencias nos bares, as Barferencias do concello e de obradoiros con nenos, os científicos dialogarán cos veciños do pasado ao redor do pasado da localidade e da costa galega mentres se intervén nun dos xacementos arqueolóxicos máis singulares da Costa da Morte.
O Proxecto Torre dos Mouros procura poñer en valor unha singular fortificación da parroquia de Lira con amplo dominio visual sobre o Atlántico, pero da que se descoñece a súa cronoloxía e función. Coñecer estes datos será o obxectivo da campaña de investigación. No proxecto Torre dos Mouros, ademais do Concello de Carnota, participan diferentes empresas arqueolóxicas, institucións públicas de investigación de Galicia, como a Universidade de Santiago, o Instituto de Ciencias de Patrimonio do CSIC, Malde Arqueoloxía ou DeHistoria.
As Barferencias
En combinación coas actividades científicas na Torre dos Mouros, recoñecidos arqueólogos e investigadores participarán nas Barferencias, conferencias informais de divulgación que se impartirán en diferentes bares de Carnota os sábados de todo o mes de xullo. As conferencias sempre teñen como punto de partida algún elemento do rico patrimonio histórico carnotán e permitirán coñecer as novidades na investigación sobre a prehistoria e a arqueoloxía de Galicia, achegando a ciencia aos bares.
- Sábado 7 de xullo, 20:00h no Bar Casa Louro (Lira): Atlántico e Mediterráneo: as relacións comerciais na Prehistoria, con Xurxo Ayán (arqueólogo do INCIPIT-CSIC) e Rafael Rodríguez (arqueólogo da Deputación de Pontevedra).
Ayán e Rodríguez foron directores de dous proxectos de escavación de espazos arqueolóxicos claves para coñecer o encontro entre galaicos e púnicos hai máis de dous mil anos. Unha historia fascinante que comezamos a coñecer nos últimos anos. - Sábado 14 de xullo, 20:30h no Bar do Rua (Carnota):
Petroglifos de Galicia e Carnota, con Antonio de la Peña (arqueólogo e conservador do Museo de Pontevedra) e José Cernadas (investigador, autor do libro Os petróglifos de Carnota). - Sábado 21 de xullo, 20:30h: no Salón de actos do concello (Carnota). Presentación do libro "Herdeiros pola forza", con Xurxo Ayán (arqueólogo do INCIPIT-CSIC) e Manuel Gago (xornalista e profesor da Universidade de Santiago).
Herdeiros pola Forza é un ensaio que reivindica o papel dos cidadáns na xestión e preservación do inmenso patrimonio cultural galego. En só catro meses de edición, Herdeiros pola Forza leva tres reimpresións. - Sábado 28 de xullo, 20:30h no Bar Illa (Lira). "Que fai un castrexo coma ti nun sitio como este? Rarezas e curiosidades da Idade do Ferro galega", con Alfredo González Ruibal (arqueólogo do INCIPIT-CSIC), un dos maiores especialistas na Idade do Ferro do noroeste da Península Ibérica.
Os obradoiros infantís
Asímesmo, no campamento de verán organizados polo Concello de Carnota, arqueólogos e restauradores do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC impartirán obradoiros de arenoglifos (13 de xullo) e cerámica castrexa (20 de xullo). Nos obradoiros de arenoglifos, os nenos aprenderán a coñecer os principais motivos da arte rupestre galega e, especialmente, a de Carnota. No obradoiro de cerámica castrexa, os rapaces aprenden a facer cerámicas ao estilo das da Idade do Ferro, que se facían en castros do concello como Mallou.
En directo
O proxecto Torre dos Mouros será retransmitido en directo a través de Internet, desde o web corporativo (www.torredosmouros.net), e os perfís de Twitter e Facebook, nunha experiencia realizada directamente en campo por profesores e alumnos da Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago, buscando achegar a divulgación científica a todos os públicos.
Máis información
Novas relacionadas
- Gago, Ayán e Malde presentan o proxecto da Torre dos Mouros: cambiando a historia de Galicia.
- Os voluntarios recuperarán a Torre dos Mouros.
- A Torre dos Mouros, un novo tesouro arqueolóxico para catalogar en Carnota.
Máis novas arqueolóxicas
- 18 arqueólogos participarán nas Xornadas Castrexas de Vimianzo.
- Aparece unha Muralla Medieval no Campo do Rollo de Corcubión.
- Un poboado calcolítico afogado polo asfalto.
- Monte Pindo: Parque Natural?.
- IV Encontro Monte Pindo: sendeirismo, historia, música e gastronomía.
- Castromiñán, o tesouro agochado.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Concello de Carnota.