Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A Xunta deixa morrer a Reserva Mariña de Lira, que segue dando exemplo en festivais de todo o mundo

A Xunta deixa morrer a Reserva Mariña de Lira, que segue dando exemplo en festivais de todo o mundo
As novidades que chegan estes días sobre a saúde da Reserva Mariña dos Miñarzos, en Lira, chegan completamente contrapostas. Se por unha banda a documental sobre a Reserva liracha continúa levando á Costa da Morte por festivais de todo o mundo; pola outra, a Consellería do Mar empéñase en deixar morrer un proxecto exemplar en todo o mundo.

A Xunta deixa morrer a Reserva

Para unha vez que a Costa da Morte é pioneira nalgo, a política ponse polo medio e o "esto fixérono eles" convírtese nun obstáculo posto polos nosos mediocres políticos. Como apuntan na Opinión, onde catalogan xa as zonas protexidas como "Reservas de papel", a deixadez da nova Consellería do Mar para con un proxecto creado polo Bipartito, provoca que as Reservas Mariñas de Lira e Cedeira estean en verdadeiro perigo de extinción.

A vixilancia

O 16 de marzo finaliza o contrato que mantén o servizo de vixilancia, fundamental para a reserva, que ten no furtivismo un dos seus meirandes inimigos. A vixilancia, ata o de agora financiada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Pesca, supón arredor de 1 millón de euros ao ano. A Xunta segue sen dar sinais de vida e a Reserva morrerá pois, en menos de unha semana.

O BNG local manifesta o seu desacordo

Envía hoxe o BNG de Carnota un comunicado no que se suma á preocupación amosada pola Confraría de Pescadores de Lira tras a supresión da vixiancia na Reserva Mariña dos Miñarzos, "o que na práctica pode supoñer a súa sentenza de morte por deixar completamente desamparado un proxecto que foi noticia en todo o mundo e mesmo se está a exportar a outras latitudes". O grupo denuncia que "A Xunta segue sen dar sinais de vida" e non entende como "unha iniciativa pioneira que partiu de Lira, Carnota e Galiza para o mundo non mereza o máis mínimo interese por parte dos gobernos "populares" de Carnota e de Galiza, que cada vez están máis alleados do interese xeral da cidadanía, e van a deixar morrer un proxecto que converteu as nosas costas nun verxel de especies de sumo interese científico, supuxo un revulsivo para o noso xa maltratado sector pesqueiro e converteu as nosas costas nunha fonte de interese internacional".

“Cómo una pequeña comunidad pesquera artesanal sobrevivió al vertido del Prestige"

A documental “LIRA, reserva de Vida na costa da Morte” continúa a súa proxección internacional (ademais da galega coa súa participación nos Mestre Mateo. A documental, producido por Servicios Audiovisuais Galegos, SAGA TV S.L., coa participación financeira da Televisión de Galicia (TVG), está seleccionado para participar en 2 novos festivais de cine. Competirá no Environmental Film Festival in the Nation´s Capital, que se vai celebrar en Washington (Estados Unidos) entre o 15 e o 27 de marzo; e tamén no Festival Pêcheurs du Monde, que terá lugar en Lorient (Francia) a finais deste mes.

Environmental Film Festival de Washington

En Washington, a cita é curiosamente, o propio mércores 16 de marzo, nun dos eventos culturais máis importantes do país norteamericano. “LIRA, reserva de Vida na costa da Morte” vaise proxectar no emblemático GALA Hispanic Theatre, o Centro Nacional para as Artes Escénicas Latinas no corazón da capital estadounidense. O documental, dirixido por Marcos Gallego, estará presentado por Guillermo Corral, Conselleiro Cultural da Embaixada de España.

A Francia

Días despois, a cinta dará o salto novamente a Francia, onde foi seleccionada no Festival Pêcheurs du Monde. A proxección será o domingo 27 de marzo, na Salle Paul Ricoeur, na cidade de Lorient.

Outros certames

“LIRA, reserva de Vida na costa da Morte” participou xa en outros dous certames previos, o ECOZINE 2010, en Zaragoza; e o FIFE 2010, en París. Ademais, a película foi emitida en toda América, a través do sinal televisivo da Asociación de las Televisiones Educativas y Culturales Iberoamericanas, e está preseleccionada para competir nos Premios Mestre Mateo 2010 do audiovisual galego. Unha presencia en España e no extranxeiro que adquire maior relevancia polo feito de que son moi poucos os documentais realizados integramente en Galicia, con versión orixinal en lingua galega, que conseguen ter repercusión fóra da nosa Comunidade Autónoma. No caso de “LIRA”, quizais tivera moito que ver o tema que se trata: a trascendencia que supuxo a creación en Lira, na Costa da Morte, da Primeira Reserva Mariña de Interese Pesqueiro, “Os Miñarzos”, a petición propia. Un cambio que os converteu nun exemplo internacional de innovación no sector, e nun exemplo de sustentabilidade medioambiental para toda a sociedade.

Trailer da Documental

Ver a documental a través da rede

Novas relacionadas

Máis novas

  • Lira, protagonista do Escaravajo verde da TVE.
  • Fonte

    Comentarios