Carnota xa ten a súa postal de Nadal

Xa ten o Nadal de Carnota as súas postais. Na mañá do 16 de decembro, tivo lugar no Concello de Carnota a entrega de premios do VII Concurso de Postais de Nadal, dirixido ao alumnado de educación primaria dos centros educativos do municipio.

No concurso establecéronse tres categorías, segundo o ciclo educativo, e outorgáronse seis premios, dous por categoría. Resultaron finalistas na categoría de primeiro ciclo as postais de Mauro Martínez e Laura Louro, do CEIP do Pindo. Na categoría de segundo ciclo, foron seleccionadas como finalistas as postais de Paula Allo e Sofía Tajes, do CEIP de Carnota; e na categoría de terceiro ciclo as de Yoel Moreno e Alba Louro, do CEIP de Carnota.

De entre todas as finalistas, seleccionouse como gañadora do concurso a postal presentada por Alba Louro, que se utilizará como felicitación institucional do Concello de Carnota na páxina web municipal.

Nun salón de actos ateigado de ilusión, o alcalde de Carnota, Ramón Noceda Caamaño, entregoulles os premios aos seis finalistas do concurso, consistentes en cadanseu lote de material didáctico, e a continuación realizouse un sorteo de 3 agasallos entre os 110 nenos e nenas participantes.

Novas relacionadas

Outros programas de Nadal

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).