A ESMU de Carnota, exemplo provincial
- 6 Concellos da comarca reciben axudas da Deputación para as súas escolas de música ou conservatorios

Escolleu o presidente da Deputación Valentín González Formoso a Escola de Música de Carnota, para anunciar o aumento das axudas provinciais para os trinta conservatorios e escolas de música e danza municipais da provincia, que pasan de 380.000 euros a 472.500 euros anuais.
Formoso quedou abraiado cando soubo que na ESMU se forman este curso 208 alumnos e alumnas de toda a comarca, con ata 16 especialidades e instrumentos ditintos, unhas cifras que evidencian a importancia e a necesidade destas axudas da Deputación.
O alcalde, Juan Manuel Saborido, destacou a “contribución fundamental da Deputación” para manter centros como a ESMU, que permite que máis de 200 alumnos e alumnas de Carnota e outros municipios da zona accedan a unha formación musical de calidade, grazas tamén a unha excelente plantilla docente, conformada por cinco profesores e profesoras que forman á rapazada en linguaxe musical, guitarra, piano, percusión, música tradicional, gaita, movemento ou canto, entre outras disciplinas.
Entre os 30 Concellos beneficiados, 6 son costeiros:
- Cabana: 12.500,00€
- Carballo: 25.000,00€
- Carnota: 12.500,00€
- Cee: 12.500,00€
- Muros: 12.500,00€
- Ponteceso: 10.000€