Martes. 11.05.2021
El tiempo

O Faro de Lariño agarda polas obras de restauración da súa contorna

Visita a Carnota
Visita institucional a Carnota
O Faro de Lariño agarda polas obras de restauración da súa contorna

O pasado mes de xaneiro o pleno carnotán aprobaba, finalmente, as obras de conversión nunha zona verde do campo de Lariño, no cabo Punta Insua. Tras moitas idas de vidas, varios proxectos, varias enmendas, a zona na que se albisca xa a apertura do Hotel Faro de Lariño, convertirase nun gran espazo verde.

Así o describía onte o presidente da Deputación Valentín González Formoso, xunto co alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, a concelleira Mercedes Noceda, e o alcalde dumbriés e deputado José Manuel Pequeño. Cun investimento de 170.000€ (o 72% parte da entidade provincial), poñerase en valor a zona especial de conservación (ZEC) Monte e Lagoa de Louro.

O vello campo de Punta Insua, calificado por Formoso como “un equipamento completamente obsoleto, exemplo de feísmo urbanístico dos anos 70”, convertirase nunha pista de pádel, nunha zona de sendeiros con varandas de pino, con 22 árbores e 17 bancos. Por suposto, derrubarase ese muro de bloque de formigón, e as tres edificacións auxiliares, que se atopan semidestruídas.
Por último, acondicionarase o acceso principal a este renovado espazo con tarefas de pavimentación da estrada autonómica.

O prazo de execución é de 6 meses, pero aínda non se abriu o proceso de licitación.

No POS 2021 vai incluída ademais a creación dunha área de autocaravanas, que terá que agardar un ano para convertirse en realidade.

Novas relacionadas

comentarios