Venres. 26.04.2024
El tiempo

Guadalupe Vázquez Formoso non para de publicar e estrea a súa novela “Conto de Quilmas”

GUadalupe Vazquez e o Conto de Quilmas
Guadalupe en Quilmas
Guadalupe Vázquez Formoso non para de publicar e estrea a súa novela “Conto de Quilmas”

Non para neste segundo semestre de 2022. Logo de publicar tres contos bilingües que teñen como protagonista ao saltón Saltarín, a profesora do CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo de Cee estréase como autora de libros para un público non infantil coa súa primeira novela “Conto de Quilmas”, unha obra que é froito dun traballo de recompilación de palabras e expresións que están en risco de perderse.

O libro, publicado pola Editorial Medulia e apoiado pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e Xacobeo 2021-2022, é, como di a propia autora, “un percorrido por momentos, lugares, persoas e, sobre todo, voces que volven á vida, ou se aferran a ela, a través da narración”.

A novela ten lugar en Quilmas, ao pé do Monte do Pindo, no concello de Carnota, e xira en torno a unha muller, Ceferina, que para moitos é a causa de toda desgraza. O tempo no que se ambienta é principalmente aquel que segue ao levantamento militar contra a República en 1936, un momento histórico dramático.

“Conto de Quilmas” conta cun fermoso prólogo do escritor de renome Francisco X. Fernández Naval, que remata dicindo que Guadalupe ten “un dicir que flúe coa naturalidade e frescura dos regueiros que abrollan e discorren ladeira abaixo, entre as penedas do Pedregal, ata chegar ao mar. Dela, como o foi da súa avoa e da súa nai, é o don da palabra. Ela ten anxo no padal”.

Novas relacionadas

Comentarios