Mércores. 08.05.2024
El tiempo

Opinión: A imprudencia do excursionista

Opinión: A imprudencia do excursionista
Chéganos ata as oficinas de QPC unha Carta ao Director que ten como asunto o acontecido a pasada fin de semana no Monte Pindo, cando uns rapaces se perderon e tiveron que ser rescatados de madrugada con síntomas de hipotermia. A carta está asinada por Rubén Suárez, bombeiro no Parque Comarcal de Cee, coautor da guía 40 Aventuras ao final do camiño e alpinista e monitor de rescate en altura. Procedemos a achegar o texto que Rubén enviaba ata a redacción de QPC. A IMPRUDENCIA DO EXCURSIONISTA O macizo de O Pindo, entre os concellos de Carnota, Mazaricos e Dumbría, estimulou desde sempre o interese nas xentes por internarse nestas pequenas montañas, ben polo lado histórico ou sen máis afán deportivo ou emocional que alcanzar o seu cume máis elevado, A Moa, con 629 metros sobre o nivel do mar. A montaña é sen dúbida de enorme atractivo, rompendo coa monotonía do monte galego, co Atlántico bañando os seus pés, o único río de Europa que desemboca nunha espectacular fervenza e o cabo do Finisterrae ao fondo. Todo isto, engadido ás tendencias actuais que buscan pequenas doses de aventura, inicia á xente a meterse de cheo nesta singular paraxe. Todos os anos prodúcese algún rescate como o sucedido na madrugada do sábado 25 de agosto. Un grupo de excursionistas que se perden, cáeselles a noite encima e solicitan medios para sacalos dun lugar escarpado. Chegar á Moa non ten maior problema que seguir un carreiro, ben marcado, desde o propio pobo de O Pindo ou desde a aldea de Frieiro cun menor desnivel. Existe a posibilidade de facer unha travesía de todo o Macizo saíndo por un dos seus picos máis fermosos, o Peñafiel, para alcanzar de novo a aldea de Frieiro. A súa proximidade ao mar inflúe enormemente, mergullando a paraxe nunha densa néboa e deixando aos seus camiñantes inmersos nunha paisaxe lunar, onde basta saírse un pouco do camiño, porse nerviosos, actuar incorrectamente e perder completamente o sentido da orientación, que en case todas as ocasións e os rescates efectuados, levaron aos pseudomontañeiros a enriscarse con situacións de case pánico para eles. Só a vontade dos veciños da zona e bos coñecedores do lugar, axudan a uns servizos de emerxencia locais, Policía Local e Garda Civil Rural que pouco poden facer máis que atopalos, sen preparación física e coñecementos específicos para os que non foron dispostos, podendo correr tanto risco como os propios excursionistas en si. O Pindo ten a súa actividade máis comprometida coa escalada, con rutas verticais que mesmo superan os 200 metros. Con todo a súa actividade estrela está no barranco do río Xallas, onde traballei como guía durante tres anos cando eramos os pioneiros en descendelo, evidenciando a enorme afluencia de xente que se anima cada ano a facer o mesmo, contratando os servizos de empresas de turismo activo ou polos seus propios medios e entendidos na disciplina deportiva. Outra cousa está nos que aos poucos se aventuran por si sós, empezando a dominar un deporte que ten os seus riscos tanto de auga como de manobras propias de espeleoloxía. O importante é concienciarse que o Macizo de O Pindo converteuse nun terreo de xogo onde cada día hai máis participantes e que tarde ou cedo requirirán dun rescate especializado e profesional, sen que isto exima de responsabilidades ao que practica un deporte destas características, adoptando medidas de seguridade tanto propias como que faciliten a súa localización (mapas, sinalización e equipos básicos de montaña), e non cometer imprudencias por realizar algo que estaba por encima das súas posibilidades. Un dos catro excursionistas queixouse, ao parecer, porque non saíra un helicóptero e que os deixaron toda a noite na montaña sen continuar a procura, cando os meus compañeiros de garda si estiveron no operativo sen posibilidade na noite, de localización exacta dos excursionistas polo abrupto do terreo e a vexetación dominante até ser relevados por  outros servizos de emerxencias. Cecais este excursionista non saiba, que pasar unha noite na montaña, sen perigo para a súa vida, tanto por condicións meteorolóxicas como físicas, non ten máis historia que admirar un ceo estrelado no mes de agosto. E seguro que tampouco sabe que un helicóptero a determinadas horas en montaña non pode acceder nin o que custa organizar un rescate, máxime se non dispón de licenza federativa que poida asumir os gastos, porque a súa excursión saíuse de horario e por pánico buscou desesperadamente á tardiña un camiño equivocado e non atendendo a indicación dos rescatadores para que permanecesen sen moverse do sitio no que estaban, desatendendo a advertencia, levándoos ao bordo de precipicios onde todo o máis que tiñan que facer era quedar quietos e esperar á tranquilidade do día.
  • Rubén Suárez Carballo é bombeiro no Parque Comarcal de Cee, coautor da guía 40 Aventuras ao final do camiño e alpinista e monitor de rescate en altura.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios