Lira, Santa Comba e Ponteceso converten a Costa da Morte na capital da micoloxía
10:05 17/11/15
Nas xornadas de micoloxía de Portaventosa identificaronse varias especies de cogumelos
O cogumelo, produto estrela do outono, foi protagonista de moitas das saídas de campo que se realizaron a pasada fin de semana na Costa da Morte. A cantidade de persoas que participan nestas xornadas dan conta do tirón deste tipo de actividades.
Lira
O pasado sábado tiveron lugar no albergue Portaventosa, de Lira as I Xornadas de Micoloxía nas que participaron veciños de Carnota, Muros, Cee e tamén outros chegados dende a Coruña e incluso do País Vasco.
Durante a saída recolléronse máis de 20 especies de cogumelos
Merche Nodar do colectivo da Estrada Micolóxica encargouse de instruír aos participantes que identificaron máis de vinte especies durante a saída de campo. Entre os cogumelos recollidos atopáronse algúns tóxicos e de perigo para a saúde en caso de inxesta, outros con propiedades medicinais e outros cun alto valor gastronómico. Na segunda parte da xornada micolóxica, Paula Patiño, de marmeladas Meigamoura, dirixiu un obradoiro de marmelada de cogumelos. E, por último, Maribel Logueira encargouse de organizar a cea temática na que os protagonistas foron os fungos.
Un dos obxectivos de Portaventosa, que abriu as súas portas a principio do pasado agosto, é a posta en valor dos recursos naturais e paisaxísticos deste territorio límite da Costa da Morte. Desta forma, os participantes gozaron dun día de sol e natureza adicado aos cogomelos que tanto abundan por esta zona.
Santa Comba
Máis de 40 persoas participaron nas primeiras xornadas de micoloxía celebradas en Santa Comba
En Santa Comba tamén se organizaron, por primeira vez, unhas xornadas micolóxicas que comezaron o sábado cun obradoiro para aprender a identificar os cogumelos máis comúns da Terra do Xallas e continuou o domingo cunha saída de campo. Nesta primeira parte das xornadas participaron máis de 40 asistentes.
As I Xornadas Micolóxicas "Terra do Xallas" continúan o domingo, 22 de novembro, con outra saída polos montes xalleiros para recoller máis especies e cunha xornada de degustación das diferentes especialidades recollidas.
Ponteceso
Paco Souto coordinou as Xornadas Micoloxicas de Ponteceso
O experto Paco Souto encargouse de coordinar as Xornadas Micolóxicas de Ponteceso que tiveron lugar tamén durante a fin de semana e na que participaron medio cento de persoas.
As xornadas comezaron cunha saída polos montes do concello e remataron cunha degustación das especies recollidas.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).